xoves, 25 de setembro de 2014

Setembro

E veu a chuvia e pensamos que era inverno. E a chuvia marchou e caemos na conta de que aínda é setembro. Temos todo um outono por diante! E mentres as que tenhen parreiras e vides andan loucas cortando acios e as que tenhen leiras a millo andan tolas recollendo mazarocas, as que temos barcos andamos tresvariadas amanhando cubertas.

O Kinofdesí atracou esta semana no Cabodeiro, recén chegado dun longo cruceiro de luxo polos Baos do Sur.

O Kinofdesí agardando novos pasaxeiros.
O capitán Merrill Stubing preparado para unha nova travesía.
Pensabamos que tocaban Vacacións no Mar, aínda que fora co IMSERSO, mais non, era todo engano...

Que a maleta só traía ferramenta. E tanta!

E non houbo outra cousa para facer que traballar...

A cuberta do Rei do Mar, desculpa, Kinofdesí, pinga auga nos camarotes, porque un sicaflés que botamos entre as xuntas das táboas e que ía durar toda a vida, non durou tal. A idea é rascalo e despegalo todo, si, RASCALO todo, entre todas e cada unha das táboas dos catorce metros de cuberta, para ponher brea da tradicional de toda a vida, que igual dura un pouco máis. 

Pois é, todo un traballo traballoso.
Menos mal que na ENT Dorna sempre aparecen currant@s.
Acabaremos?


sábado, 13 de setembro de 2014

Navegando en "antigos" barcos...

Como na TVG nunca deberon ver un  currach, pois pensan que as nosas son embarcacións antigas, e claro, antigas antigas non son, que son tradicionais (hai que deixalo claro, non vaia alguén pensar que as desenterramos do Areoso). Imos perdoarllo por sacar uns estupendos primeiros planos dos Mimelos, Lino e Salva. 

E a petición da afisión, aquí vos deixamos o vídeo por se non o vístedes aínda.




venres, 12 de setembro de 2014

O Areoso agarda por nós 2

E para mostra, un vídeo, gravado polos Pandulleiros:


Marabilla!!


O Areoso agarda por nós.

Onte chegamos ao Bao e eramos moita xente...

Primeiro unhas poucas...
...e despois máis e máis...
Na mallante, as dornas, o Rei do Mar, lanchas confrareiras e planeadoras de apoio. E toda a xente convocada polos Pandulleiros.

Agardando a hora cero para embarcar.
Como as da ENT Dorna xogabamos na casa, decidimos ir repartindo tripulacións en dornas e embarcacións grandes mentres agardabamos a chegada dos barcos das outras asociacións...

O Presioso dos Calmoseiros chegou a motor.
Mentres armabamos a Peça, chegaba o Komaira a vela.
E a Lavanqueira da Fasquía coa súa vela nova...
A orde: velas arriba cando mande o Rei do Mar. Ao final partimos tres galeóns, dúas dornas de tope, unha lancha xeiteira e sete dornas. Armada carcamá!!

E saimos!!
Grandes e pequenas!
A Nova Marina coméndolle as papas à Peça de Rabo.
E a Roxinha comédollas à xeiteira...
 O tempo de agarda deu para moito.

- Nenas, se nos orghanisamos, tomamos o Komaira antes de cheghar ao Areoso.

E todas rumbo ao Areoso!!

Como dicía Débora, o mar estaba presioso. Daba ghusto ver tantas velas tradicionais, TODAS da Arousa, brillando na costa. A tarde axudaba, pois en contra das predicións metereolóxicas destes días, había un ventinho agradábel e lucía o sol...

Pasando polo Cantinho, caminho do Campelo
Cousa bonita!
No Rei do Mar a tranquilidade daba para gozar das vistas... [CG]
..e do vento que ía a menos, a menos, a menos [CG].

Pasando o Campelo por terra a maioría...
...por fóra o Komaira.
Chegadas a Punta Cabalo, a calma. Saimos cara o canal para facer un último bordo antes de pór proa ao Areoso. Non houbo maneira, quedamos aboiadas entre bateas a mercé dun mar de fondo mareante...

Que presioso se vía o Presioso!
O de aboiadas era literal [CG].
Facíase imposíbel chegar ao Areoso a vela. Só darían arribado as embarcacións con motor. A decisión: voltar à praia da Canteira, remolcadas as dornas polos galeóns. O Rei do Mar veu darnos cabo à xeiteira.

Esas nubes na calma, de algo avisaban...
Collendo remolque e imaxes [CG].
Remolque feito (e esas nubes...)
Ao Adelino Manuel aínda lle funcionaba o motor...
E aquí acabaron as fotos!!

Chegadas ao Campelo de volta, o vento voltou aparecer. O Rei do Mar arriounos, armamos vela novamente... E a sufrir. 

De súbito entraron mar e vento a caldeiros. Na Nova Marina, sorteamos bateas como puidemos, e no seguinte cambio cosemos dous rises. Feita a operación, e unha vez que subimos vela, arrepentímonos de noter cosido os catro. Por que non faríamos caso daquelas nubes!!

Enfin, a volta ao Bao foi dura para todas as dornas. O Rei do Mar e as planeadoras de apoio tiveron que recoller embarcacións e traelas de remolque. O Komaira houbo de axudar ao Presioso, que quedou sen bomba de achique, para despois quedar sen motor tamén. Como iso pasou às portas do Cantinho, alí quedaron xa. O resto fomos chegando como puidemos. É dicir, remolcadas.

A Nova Marina salvada por Uxío.
A Peça de Rabo tamén salvada por Uxío.
E todas de volta para a casinha!!
Como podedes comprobar, non demos chegado ao Areoso, mais seguimos a defender a súa protección igualmente. Ademais, se leva aí máis de dous mil anos, ben pode agardar por nós un par de semanas!

Xa virán días sen tronada! [CG]


As fotos marcadas con CG son de Cleopatra a Gata, evidentemente.

mércores, 10 de setembro de 2014

Merchandisin

Como sabedes, na ENT Dorna temos un galeón, o Rei do Mar, que vén sendo un barco moi grande de manter... 
O galeón na praia da Canteira.

O Rei do Mar está varado estes días para limpar e arranxar. E se vos fixades, toca botarlle patente na obra viva, temos que facerlle traballos de mantemento na cuberta e a bomba de achique anda salitrosa. En fin, que o reisinho, como todos os reis, dá gastos, moitos gastos.

Por iso, Juan Pinheiro, da Chati, un dos nosos publicistas de garda, tivo a ben desenhar:
  • uns estupendos bonos, para aquelas que non sodes socias da ENT Dorna, poidades colaborar con nós para manter vivo o patrimonio marítimo galego. Editamos bonos de 10 e 5 €. 

Os talonarios sen estrear...

  • unhas estupendas crachás, de cores variadas que conbinan con todas as ropas e tecidos, que vendemos en troca da vontade. 

Para gustos, cores! (que bonitas, non digades!)


Todo isto no local da ENT Dorna, na praia da Canteira. 


Xa sabedes como podedes axudar. E, iso sempre, podedes facervos socias!


Maré de outono

Anda estes días a lúa na forza, grande de todo e iso fai que as secas e as cheas da maré sexan estes días espectaculares. Seique o día co devalar máis amplo é manhá, porén onte no Bao xa tivemos festa bastante...

A maré entraba con forza polos carreiros da Canteira....
...e case entraba polo panhol adentro.
Arremangadas como en Santurce para coller as velas!

Ou, simplemente, nadando.

Cando as marés suben tantos reaparece o fenómeno que ten intrigadas as científicas de todo o mundo occidental: a aparición dos géiseres da Arousa:

Salva marcando as surxencias de ghas para facer o mapa xeolóxico.
Como a maré estaba tan alta, chegaba ao límite da mallante, onde tinhamos as dornas. algunhas xa estaban nadantes polo que houbo que iniciar a operación Ponhendo en Seco

Subindo dornas aínda máis arriba.
Pero como levan dando chuvia toda a semana, e a agua facilitaba mover dornas, pois adicamos o tempo a traer dornas fondeadas à mallante para facilitar o posíbel achicado post-pluvial. Que aínda non chegou.

Santi traendo dornas...
E xa sabedes, manhá, o día para salvar o Areoso, outro espectáculo de devalo...


martes, 9 de setembro de 2014

Salvemos o Areoso

Podedes probar. Se entrades en calquera taberna da Arousa e pronunciades a media voz a palabra Areoso, alguén, a senhora que le o xornal, o senhor que toma café, a persoa que vos atenda, levantará a voz para deixarvos unha cousa clara: O Areoso é noso! É certo, O Areoso é da Arousa, e as carcamás pelexárono durante anos con unhas e outras, de Cambados, de Vilanova, de Aguinho, para finalmente asegurarse a autoridade sobre o ilhote, sobre esa duna que brilla nas tardes claras de inverno no centro do mar da Arousa. 

E tenhen razón na Arousa: o Areoso é noso! Fai parte do noso patrimonio natural e arqueolóxico, é de todos e todas e temos, todos e todas, a nosa parte de responsabilidade no seu futuro. 

O mar descubriu este dolmen no inverno do 2011.
O concheiro que rodea a mámoa redúcese cada inverno.

O muro de contención faise insuficiente para conservar a zona.
E se non fixádevos a que altura estaba cando Manuel Gago gravou o documental Unha viaxe á illa dos mortos en 2012 (E se non visionástedes o filme, aproveitade para entender por que é importante o xacemento).

O concheiro estaba bastante máis protexido.
Na Arousa exercemos a nosa responsabilidade. Porque no Areoso hai restos arqueolóxicos que o mar come cada ano, hai aves chegadas das árticas costas para aninhar coa suposta tranquilidade de non seren agredidas, e hai bancos marisqueiros que dan de comer a moitas familias. Todas estas son razóns para esixir un coidado especial dese espazo, cousa que non está a darse por parte das administracións responsábeis. 

O que máis perigo corre é a riqueza arqueolóxica do lugar, que como a area que a protexe, é nosa. De todas nós. E se o mar está a levala por diante inverno a inverno, temporal a temporal, queremos que parte dos cartos que pagamos nos nosos impostos sexa gastado en estudar eses restos. Porque se hai cartos para outras cousas debería habelos para unha escavación urxente. Porque igual dentro de cinco anos xa non hai nada que estudar. E temos dereito a conhecer o noso pasado.

E se a confraría gasta dos seus recursos económicos para preservar o marisqueo desa zona, non é xusto que o turismo irresponsábel arrase os fondos sen control de ningún tipo.  Ou que ese turismo irresponsábel adique as tardes a facer esculturinhas de pedras ou utilizar de escorregadoiras as dunas onde aninhan as píllaras (cousas estas das que fomos testemunhas o día da I Volta Podrén).

Por todo isto, porque o Areoso é noso e nós somos responsábeis, os Pandulleiros nos convidaron, e nós aceptamos, a facer unha navegación reivindicativa o próximo xoves 11 de Setembro. Apúntanse tamén as outras asociacións de embarcacións tradicionais da Arousa: a AC Fasquía, a ACKomaira e a AC Calmoseira

Quedamos na praia da Canteira às 16.30

Se queredes saber máis sobre o Areoso, nesta entrada da FGCMF encontraredes moitas ligazóns interesantes.

 Salvemos o Areoso!


martes, 2 de setembro de 2014

IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Punta Moreiras

Este ano non hai Regata de Porto Meloxo. O que si hai é unha chea de actividades este fin de semana con navegación compartida baixo o título desta entrada, todas entre Punta Moreiras e Porto Meloxo.

Así que, aínda que non hai regata, imos ir igual. Dependendo da salitrose do Rei do Mar irán máis ou menos barcos, mais temos intención de que, cando menos, levar a lancha xeiteira Nova Marina e a dorna de tope Peça de Rabo

Sairemos de travesía para onda os mecos o venres 5, sen hora aínda marcada (cedo de tarde, a ver como o entendedes) e que daremos aquí nestes días.

As persoas interesadas en facer a viaxe e estar o sábado, comunicádevos con Salva, herr direktor, via sms ou ghuasá

ACTUALIZACIÓN: 

Sincronizade os relós: Quedamos para sair o venres 5 às 15.00 horas

E por se non sabedes mirar na ligazón da FGCMF, o que segue é o programa para o sábado: 
A apertura oficial da Xuntanza será o sábado 6 ás 10:00 h no Museo e posteriormente farase unha visita guiada para público e tripulacións polo Espazo Museístico Salgadeiras de Moreiras. Logo da visita, ás 11:30 h os barcos sairán navegar na contorna de Punta Moreiras e Porto de Meloxo e regresarán ás 13:30 h, momento no que se retirarán as sardiñas dos tabais, se lavarán e desalgarán para consumilas o domingo.
Pola tarde os barcos sairán ás 16:00 h navegar e ás 18:30 farase unha demostración de largado do boliche desde a praia das Pipas coa participación de barcos e público. Logo da cea haberá actuacións musicais para público e tripulacións no Museo.
O domingo iniciarase a xornada cunha charla de Jose Luís Escalante sobre a Salgadura no Salnés ás 10:30 h, logo da cal os barcos sairán ás 11:30 h regresando ás 13:00 h para o acto de peche da IV Xuntanza. Rematará a Xuntanza coa degustación das sardiñas curadas no Museo.



Tardes no Bao: paseo na xeiteira

Nos días de calor abafante, se corre un ventinho, o mellor é pasalos no mar. A brisa amaina o bochorno e o vento aparente suaviza a calor. Iso fixeron o sábado Larri, Parada e Santi, só que non contaron quedar sen vento ningún e a Nova Marina acabou o dia nos pantaláns do Cantinho. 

Hoxe fomos buscala. Controlando para escaparlle à calma. 

As tripulantas da lancha xeiteira case ao completo.
A vela non ía tesa, pero case, tamén.
Tardamos tanto en sair que a Pedra Madruga pillounos desde o Bao...
Fixemos unha saída até o canal, à altura do Campelo, vixiando as calmas que avanzaban pola ría. Cando cadrou, larghamos para o Bao a fume de carozo (carozo apagado).

A Ona flipou con que o Industrial non subira velas...
... e con que Calixto no caira ao mar.
Hoxe patroneounos Larri, e Bea andou de piqueira, levando a canha. Larri non quere sair neste bló nin en ningún outro, porén hoxe non lle imos facer caso porque conseguimos sacalo tal cal... aprendendo a quen se deixa ensinar.

Como calcular ben o paso entre bateas
Aínda que non era o único que calculaba...

As cadelas tamén dan aviso dos rumos de contusión.
- Ghuaue!! Libramos!!
No paseo entre bateas non deixamos de ver xente...

Gerardo vai à batea pola tarde. De Vilanova tinha que ser!
- Pican? - Contigho tres
O vento ía a menos...
 
Ona, Eva e o anemómetro na proa.
As dornas voltaban à praia...
E a Javiota vinha recollernos ao fondeo...
Quen vai coller a boia?
En vez de voltar en planeadora, embarcamos na Raposa e na Javiota

Herr direktor levándonos a terra...
E a Raposa a tope, co resto da tripulación a bordo.
Baixa o sol, dornas aos fondeos...
E non hai como acabar a tarde gozando das vistas...

... e dos espectaculares posados podréns.
Sempre o dicimos. As tardes no Bao son aborrecedoras...