domingo, 30 de marzo de 2014

Que tortura!

Algo estranho aconteceu este fin de semana: a María, a dorna de tope que deixamos a pacer no Naval, fuxiu. Habitualmente, cando pasan estas cousas, pelexamos un pouco (era cousa túa mirar por ela, non, túa, etc.), pero asumimos que é lei de vida elas emigrar cando queren. 

Porén, unha nova fornada de xente chegou à Escola, e decidiu que non todo estaba perdido (nin a María) porque nestas cousas só é preciso saber preguntar. E se alguén sabía dela eran as demais embarcacións, que para algo botan día e noite no Naval. A nós o método pareceunos, ao comezo, algo raro, e observamos atónitas como ía avanzando a tarde.
As dornas repousaban tranquilas no local....
O novo equipo marcou a súa profesionalidade con uniforme encarnado.
Inicialmente, o equipo de intervención optou pola tradicional técnica do "eu-véxote-a-ti-e-ti-non-me-miras"...

-Fala. Mora!! Onde está a María!!!
E a Mora, solidaria coa dorninha, calaba... Coa Sapeira probamos o truque do poli-bo-poli-malo....

- Anda, di o que sabes, e cónproche unha vela nova...

Tampouco a Sapeira falou.

Din que a actuación en grupo, en masa, incita à violencia. Que acabamos por facer cousas que soas nunca ousaríamos. Non saber da embarcación foi quecendo os ánimos e nacendo sádicas ideias entre as escolantas. Nunca antes o pensaríamos!!!

Algún recorreu à cinta adhesiva para inmobilizar a súa dorna...
Outras optaban por cóxegas na barriga. A man...
... Ou con lixa... Ai, esa epiderme!
Nin unha só nave abriu a boca. Este feito foi incrementando o cabreo, por unha banda, e a preocupación pola María, por outra. Co moito que facemos por todas elas... que dornas corporativistas!

Das cóxegas pasamos ao rascado... -Fala, Marilús!, que ti tamén es pequena!
E do rascado, à electricidade... Picana!
Aplicando descargas nas escoras, tremían as quillas todas...
E nada!!
Afogalas co aire quente da aspiradora foi o seguinte...
 E nada!!

Así que optamos por chamar ao Senhor White, chegado directo do albório do Reservoir Dogs, para que lles aplicase a súa técnica torturadora máis efectiva...

Mr. White comezando a súa intervención...
...usando o soro da verdade. Se con ese cheiro non cantaban...
E si, por fin, fartas de tanta sobada e toqueteo, as dornas cantaron, nun coro unánime e a dúas voces: 

- Que a María está en Testos!!! En Testos! En Testos!

 Ai! É que non nos afacemos a ter dous locais de traballo...

P.D.: A tortura, en realidade súfrena as nosas vecinhas do andar de arriba, as usuarias da Biblioteca Municipal, que este venres, se quixeron ler e estudar, igual foron incomodadas cos nosos traballlos e trebellos. Desculpade!!


 

mércores, 26 de marzo de 2014

Isto é a ENT Dorna 5: de pesca nos faiados

Uxío a contar das súas estorias:


As sábenas da Seña Chuca, Escola de Navegación Tradicional, Illa de Arousa from laurofcastro on Vimeo.

Se non o vedes aquí, ide à conta de Vimeo de Lauro, o noso cineasta.

A Nova Marina está como nova!

E a semana pasada, a golpe de xoves, unha delegación carcamá viaxou até Marín porque desde o Centro de Formación A Aixola mandaron recado de que xa estaba lista a Nova Marina.

Non sabemos se lembrades, pero a Nova Marina naceu nese mesmo centro no ano 1994. Chegados aos vinte, tocou pasar ITV, porque tinha que ser revisada toda a estrutura, en especial a quilla e a cravazón.

A delegación visitadora non trouxo fotos, pero no feisbu d'A Aixola colocaron un lote de imaxes que reflicten o traballo que realizou o alumnado do Curso de Carpintaría de Ribeira, que recibirá cadanseu título se non afundimos na primeira navegación.

Ai, mimá, que nin lla freghamos antes de levarlla!!
Toda a obra viva recravada e revisada
A obra máis grande: colocarlle unha quilla de ferro que impida o desgaste.
Ao final xa ía collendo outra cor!
Este é o equipo que traballou na xeiteira. Obrigadas!!



O Naval está activo...

...máis activo que esta blogaría.

Como xa pasou o Entroido, xa queimamos o Liborio, van alá as carrozas e eis o está, o mes de maio, andamos a disponher as dornas e a facer zafarrancho para ter todo a punto na nova tempada.

Así, todos os venres, apartir das 17.00 horas e sábados, apartir das 16.00 horas, haberá xente no Naval ou en Testos axudando a preparar embarcacións apadrinhadas ou barcazas do común.

Que ninguén diga despois que non lle chegou o tempo!!

E se ides no medio da semana, tamén podedes encontrar currantes!
Labregos do mar levando a vaca María a pacer no estrume.
Entre as próximas actividades, sabede que este sábado que ven, 29 de marzo, está convocada unha asemblea da FGCMF para acordar, entre outras cousas, o calendario de regatas e eventos do 2014 e escoller sé para os próximos Encontros

Animádevos a participar!


sábado, 15 de marzo de 2014

Conta atrás para os encontros

Non hai crise que poda coas embarcacións tradicionais!! Porque para crises, as nosas!

E si, a falta de unha, dúas son as candidaturas para a organización o ano que ven, dos XII Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galiza. Na ENT Dorna estamos moi contentas de que, vivindo os tempos que vivimos, de cortes económicos e desánimo xeral, dúas asociacións, a Sociedade Cultural e de Tradicións Marinheiras A Gamela, e o Clube Marítimo A Reiboa, tenhan a valentía de ofrecerse a levar o peso de traballos e tarefas que a grande festa da navegación tradicional galega precisa.

En agarda da elección definitiva botaremos este verán facendo travesías e largos a Combarro e Cabo de Cruz para practicar a nosa entrada triunfal en porto.
 
En Combarro son especialistas en xantares multitudinarios... ui ui ui!

mércores, 12 de marzo de 2014

Ao Traballo!!

Xa sabedes: o 17 de maio eis o está, á volta da esquina. E xa sabedes tamén: pasa o Entroido, chega a Coresma e na ENT Dorna danos por traballar. É dicir, comeza a


TEMPADA 2014!!!

O sábado 15 de marzo, às 17.30 horas, quedamos no local do Naval, para repartir dornas e traballo. Vinde preparadas com funda, luvas, máscaras e orelleiras que temos muito labor por diante.

E para que venhades con vontade de facer moitas cousas e deixar as dornas perfectas, outros novos vídeos de Lauro sobre a nosa actividade estival:

1. Un pouco de cultura viquingueira:


A Dorna, A Illa, A Escola y os vikingos from laurofcastro on Vimeo.

2. Romarías mareiras:


De romería pola Ría, Illa de Arousa from laurofcastro on Vimeo.



domingo, 2 de marzo de 2014

Obradoiro de Maquetación

A Revista Dorna, no seu insistente interese en facerse con hordas de reporteiras, organiza, para finais deste mes de marzo un OBRADOIRO DE MAQUETACIÓN xornalística. 

Queres superar o mundo procesador de textos? Queres avanzar un chanzo aprendendo a diferenza entre letra e tipografía, imaxe e desenho, diagramación e colocación?

Grandes expertas da revista practicarán con nós os rudimentos do programa AdobeInDesign para achegarnos a este engaiolante mundo.


  • A inscrición está aberta até o 20 de Marzo.
  • Podedes anotarvos no correo-e da revista: revistadornaarrobagmailpuntocom (como sempre, a arroba e o punto, de verdade)
  • Precisaremos de vós os seguintes datos: nome e apelidos, telefone ou correo-e de contacto, e que nos contedes os vosos conhecementos dixitais (que programas informáticos sabedes usar e a que nivel).

Vémonos o 27 de marzo no IES da Arousa.


sábado, 1 de marzo de 2014

Isto é a ENT Dorna 3: O Bao

Outros dos petiscos gravados e editados por Lauro.

Que facemos polas tarde no Bao? Aprender a navegar!!



Escola Navegación Tradicional de A Illa de Arousa from laurofcastro on Vimeo.

Que é unha regata? Algo máis que unha competición. E se é a do Bao, moito máis!



Regata do Bao, Illa de Arousa, Escola de Navegación Tradicional from laurofcastro on Vimeo.