Amosando publicacións coa etiqueta invernada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta invernada. Amosar todas as publicacións

sábado, 1 de febreiro de 2014

Comunicando!

1. Larry non quere sair nas fotos do bló, aínda que sexa traballando, pero a cambio regálanos estampas como esta: 

Alguén de físicas que explique como fai a gamela para aboiar.
2. No local falamos de futuros proxectos, mais, non podemos confirmar moito por agora: seique nos foi solicitado o galeón para o mes que ven, aínda non sabemos que día, para realizar un acto, dalgunha caste, cultural, iso si, e igual fai falta xente, ou non, para navegar, ou non.  :D

3. Habedes de saber, tamén, que andamos a negociar, aínda sen resultados definitivos, un motor novo para a planeadora, para que voe máis alto e mellor polos mares da Arousa.

e 4. e very máis importante: vai comezar o reparto de dornas de cara a tempada nova. Porque despois de Antroido hai que lixar, alquitranar, pintar... As que queirades dorna, falade con Salva. En próximas semanas, a subhasta oficial!.


xoves, 30 de xaneiro de 2014

Destonar destonarei...

Se vos fixades, aínda hai casca que descascar...
Ei, pensavades que a cousa ía ficar así!! 

Que o sábado pasado non acabamos o choio!! 

 Este sábado, 1 de febreiro, às 16.30 horas, quedamos no local novo do Naval para: 

  • Acabar de destonar os pinheiros que faltan dos que tronzamos o outro día.
  • Falarmos de traballos pendentes
  • Comentar e decidir sobre novos proxectos

P.D.: E fai falta uma persoa que saiba de albanelaría avanzada para unha masterclass (aghora chámanlle así). E se essa persoa voluntaria existe, ha de dicirllo a Salva para que merque os materiais para o traballote que debe facer: colocar uns bloques sen que caian, basicamente.


domingo, 26 de xaneiro de 2014

A facer paus: a crónica

Moita poesía, moita poesía, mais o día amenceu apoallado e se rastro do sol...

Algunhas saimos da casa por dar unha volta... sol a lucir en ningures!
E non pensedes que a cousa mellorou caminho da Bacariza...

Polo menos no río a néboa estaba máis alta...
A Comunidade de Montes de Dodro, deunos permiso para rarear os seus pinheirais e levarmos uns cantos paus para dornas.Chegando ao monte, todo foi baixar dos coches e organizar as cuadrillas de asalto: con cada patrón, tres podréns aprendices.

Fixádevos en Parada. Agora entendemos por que comezou sen equipo....
A Adelino ninguén lle explicou que se quería camuflarse, había de vestir outra cor!
E cando aínda algún grupo andaba a buscar o seu espazo no monte...
 
...xa Parada, sen axuda, botara abaixo o primeiro pau.
As que quedamos con el, recibimos unha boa clase de Selección do Mellor Pau Para a Dorna de Regata...

Primeiro ver ben se o pinheiro crece recto e sen voltas...
Comprobar a súa gordura e observalo desde lugares diferentes
Cando por fin nos decidimos, picar avisando aos cans da redonda  ;)
Pau vai!!!
Unha vez no chan, picar polas e alisar nós.
Ao longo da manhá cada cuadrilla tinha orde de picar tres paus e as varas e vergas que encontrase. Chegada a hora, a remolcadora Bea foi apanhando grupos polo caminho.

Orgullosísimos do traballo feito!
As cuadrillas reunidas de novo, repasando paus.
Antes de ponhelos a secar, os paus tenhen que ser descascados. Como o xantar aínda non estaba pronto, aproveitamos para adiantar traballo. Sacar a caropa ten truco:

Co canto da machada golpeamos a casca e raspamos despois.
Con tanto golpe, aprendemos onde naceu o son da txalaparta.
Venha, que falta pouco!!
Acabamos! Canto se adianta habendo xente!
Se fósemos realmente tradicionais, teriamos levado con nós toda a casca para tinxir con ela o trapo das velas e evitar que lles entre a piolla.

Pero como non somos tan tradicionais, deixámola no monte.
Ai, que fame!!! A familia Angueira & friends estaba nos locais da Comunidade de Montes preparando o super-menú, tan necesario para unha xente que traballa.

A sesión vermú mentres acaba de facerse o xantar.
Ahhh!! Xa entendemos o menú: SAMORINHAS!!!
Arrós con chopo na mesa d@s comedorinh@s.
O Angueira máis roxo atendendo a carne...
E claro, como, sempre, para rematar, como se xunten a fame e a ghana de comer, hai que acabar con gintonis e cantigas... Total, xa chovía!

Hoxe aos dous tenores faltoulles Pa(co)varotti.

Até aqui a minicrónica. Senhor Anómino, estará vostede contento!

luns, 20 de xaneiro de 2014

A facer paus!!



O meninho de Castelao escolleu un pau un pouco penso...

E di o senhor director:

o próximo sábado 25 de xaneiro a lúa e o sol alíanse coas dornas. Ela vai de creba e el vai lucir. O momento xusto para cortar pinheiros.

Imos pasar a manhá en Manselle, terra do insigne Angueira, aprendendo a ver paus onde outros só ven escuro arume arpado e monótono fungar. Ide anotándovos.

A hora xusta da quedada xa vola daremos por aquí.


P.D.: Moitas non o sabiades, mais o excelentísimo director da ENT Dorna é todo un poeta. Mellor que outras e outros que andan a publicar libros e libros...

ACTUALIZACIÓN!

Xa hai hora: saída às 9.00 desde o BAO. 

O sr. presidente, o outro, o da Rosi, ten unha comilona argallada para ese día. Estende o convite às lenhadoras e carpinteiras da ENT Dorna. O menú non o entendemos ben, pero inclúe chopo con arrós e carne a brasa. Entre 12 e 15 € (visto o que bebedes, contade con 15 €, hehehe) Hai que anotarse, vía Salva, antes de manhá à noite. 



domingo, 19 de xaneiro de 2014

Ai que Peça, pasa pa'casa!!

E a Peça de Rabo pasou. É dicir, deixou, como todos os invernos, as águas frias da ría para facer a súa cura de lixa e pintura e relax. 

E para iso había que subila no carro. Que mellor tarde que a de hoxe, asoallada e calorenta, para facelo!

Como podedes ver, o sol cegaba o obxectivo da cámara...
...e cegaba a algún para escoller pantalóns (nós querémolo ighual!).
Faise raro traballar no medio da vila e con tanto público!
A operación de encarrar non é tan fácil...
Aquí, o Salva, segue as instrucións que a blogueira lle daba, vía satélite, desde Arcos de Arriba ;)
A Peça de Rabo, a nosa dorna de tope, xa dorme ao enxoito por uns meses. Agora toca revisala e ver que arranxos precisa. Polas fotos, unha boa limpeza da obra viva é o primeiro. Porque eu o digha!

As imaxes todas son de Manolo Santomé, que sempre que llo pedimos, exerce e cumpre como fotógrafo.


xoves, 16 de xaneiro de 2014

O galeón xa ten cova para hibernar

Aínda que pareza que non pasa  nada, algo sempre se move na ENT Dorna... e mentres unhas andabamos de cafés, outras vendo a tele e outras atendendo nos traballos, algúns dos patronsinhos gastaron o tempo em prepararlle um mortinho ao Rei do Mar no Aguiuncho, pegadinho ao pantalán flutuante e do trinque. 

Galeón, bateeiros, pantalán, dique e punta do Campelo.
Raxos de luz entre nevadas de inverno.
Xa está, xa non nos saen máis poetadas... ;)

Alí se protexe dos temporais, se o invento funciona...


sábado, 7 de decembro de 2013

A Mudanza na prensa

A imaxe roubámoslla a Iñaki Abella, que agardamos non se enfade.
Hoxe no FarodeVigo adican unha reportaxe á nosa mudanza. Nós xa sabiamos que algho farían, porque o senhor redactor até axudou a carrexar dornas. E aí podedes ver unha panorámica  do megalocal que nos deixaron para as embarcacións. Porque o FarodeVigo ten cámaras e fotógrafos con xeito, non como este bló.



venres, 6 de decembro de 2013

De mudanza

Grande tarde de traballo, ou tarde de grandes traballos, segundo se mire!

Às 15.30, hora carcamá, xa había un bo lote de xente no Bao, debatendo como organizármonos para acabar antes de chegar a noite. Que ben se nos dá debater!

Xa nos sae colocarnos para facer asemblea por intuición!
Este, o traballo do día: carretar todas estas dornas ao local novo.

Organizamos dous grupos de paleadoras, un no Bao a palear dornas parriba, e outro no Naval a palear dornas pabaixo. No medio, tres choferes para tres carros.

A Raposa foi a primeira en embarcar (mentres o amo andaba ao palique).
O Ro preparaba Caramecha para ser a seguinte.
A alghún témolo para facer peso e nada máis...
O de trincar é para mans espertas que levan 25 anos acarretando dornas, seique.
Podréns: clase debalde! Observade a imaxe!
Se algún día vos faltan cabos para amarrar a dorna no remolque e trincar ben o pau, usade o cabinho da escora...

- E ti querías ir a vela! Mira que calma podre!

Na Arousa as normas de tránsito son orientativas: para que queremos matrícula!
Os estragos do inverno víanse ben nas dornas que recollemos. Non é que estean perdidas, mais van dar bo traballo. 

Á Sapeira marchoulle a metade da pintura nova do trinque.
O sol baixaba e o traballo non tinha traza de acabar: daríanos tempo?
Coa Soínha embarcada pouco quedaba por facer....
...nada menos que o traballón: cargar a Laranha!
E aquí, outra clase debalde: a Laranha é buceta, non dorna. E iso, que parece unha parvada, fai difícil os seus traslados porque non ten escarva à que lle botar as mans para levantala, co que pesa, o raio da condanada!! Nova proba da perfección construtiva das dornas, que até agharradeira tenhen.


Ai, que marcha o sol!! Imos para a Hatchery!!
Na Hatchery tocaba cargar a planeadora, outra vaca no maínzo!
Acabamos de cargar xusto co sol caíndo no mar. Todo medido e calculado!
E puidemos gozar do pór do sol como premio à grande tarde de traballos
Cando acabamos de descargar e organizar no local novo, xa era noite.
Por iso non volo podemos ensinar: non se vía nada cando demos chegado a el. Na imaxe, Avilés levanta a man para dicirvos que manhá toca baleirar a nave de Vilaxoán (temos alá, cando menos, oito embarcacións). As que poidades, sábado 7 de decembro, às 15.45, na nave da Mariscadora.