venres, 6 de decembro de 2013

De mudanza

Grande tarde de traballo, ou tarde de grandes traballos, segundo se mire!

Às 15.30, hora carcamá, xa había un bo lote de xente no Bao, debatendo como organizármonos para acabar antes de chegar a noite. Que ben se nos dá debater!

Xa nos sae colocarnos para facer asemblea por intuición!
Este, o traballo do día: carretar todas estas dornas ao local novo.

Organizamos dous grupos de paleadoras, un no Bao a palear dornas parriba, e outro no Naval a palear dornas pabaixo. No medio, tres choferes para tres carros.

A Raposa foi a primeira en embarcar (mentres o amo andaba ao palique).
O Ro preparaba Caramecha para ser a seguinte.
A alghún témolo para facer peso e nada máis...
O de trincar é para mans espertas que levan 25 anos acarretando dornas, seique.
Podréns: clase debalde! Observade a imaxe!
Se algún día vos faltan cabos para amarrar a dorna no remolque e trincar ben o pau, usade o cabinho da escora...

- E ti querías ir a vela! Mira que calma podre!

Na Arousa as normas de tránsito son orientativas: para que queremos matrícula!
Os estragos do inverno víanse ben nas dornas que recollemos. Non é que estean perdidas, mais van dar bo traballo. 

Á Sapeira marchoulle a metade da pintura nova do trinque.
O sol baixaba e o traballo non tinha traza de acabar: daríanos tempo?
Coa Soínha embarcada pouco quedaba por facer....
...nada menos que o traballón: cargar a Laranha!
E aquí, outra clase debalde: a Laranha é buceta, non dorna. E iso, que parece unha parvada, fai difícil os seus traslados porque non ten escarva à que lle botar as mans para levantala, co que pesa, o raio da condanada!! Nova proba da perfección construtiva das dornas, que até agharradeira tenhen.


Ai, que marcha o sol!! Imos para a Hatchery!!
Na Hatchery tocaba cargar a planeadora, outra vaca no maínzo!
Acabamos de cargar xusto co sol caíndo no mar. Todo medido e calculado!
E puidemos gozar do pór do sol como premio à grande tarde de traballos
Cando acabamos de descargar e organizar no local novo, xa era noite.
Por iso non volo podemos ensinar: non se vía nada cando demos chegado a el. Na imaxe, Avilés levanta a man para dicirvos que manhá toca baleirar a nave de Vilaxoán (temos alá, cando menos, oito embarcacións). As que poidades, sábado 7 de decembro, às 15.45, na nave da Mariscadora



Ningún comentario:

Publicar un comentario

a falar a xente se entende