martes, 2 de setembro de 2014

IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Punta Moreiras

Este ano non hai Regata de Porto Meloxo. O que si hai é unha chea de actividades este fin de semana con navegación compartida baixo o título desta entrada, todas entre Punta Moreiras e Porto Meloxo.

Así que, aínda que non hai regata, imos ir igual. Dependendo da salitrose do Rei do Mar irán máis ou menos barcos, mais temos intención de que, cando menos, levar a lancha xeiteira Nova Marina e a dorna de tope Peça de Rabo

Sairemos de travesía para onda os mecos o venres 5, sen hora aínda marcada (cedo de tarde, a ver como o entendedes) e que daremos aquí nestes días.

As persoas interesadas en facer a viaxe e estar o sábado, comunicádevos con Salva, herr direktor, via sms ou ghuasá

ACTUALIZACIÓN: 

Sincronizade os relós: Quedamos para sair o venres 5 às 15.00 horas

E por se non sabedes mirar na ligazón da FGCMF, o que segue é o programa para o sábado: 
A apertura oficial da Xuntanza será o sábado 6 ás 10:00 h no Museo e posteriormente farase unha visita guiada para público e tripulacións polo Espazo Museístico Salgadeiras de Moreiras. Logo da visita, ás 11:30 h os barcos sairán navegar na contorna de Punta Moreiras e Porto de Meloxo e regresarán ás 13:30 h, momento no que se retirarán as sardiñas dos tabais, se lavarán e desalgarán para consumilas o domingo.
Pola tarde os barcos sairán ás 16:00 h navegar e ás 18:30 farase unha demostración de largado do boliche desde a praia das Pipas coa participación de barcos e público. Logo da cea haberá actuacións musicais para público e tripulacións no Museo.
O domingo iniciarase a xornada cunha charla de Jose Luís Escalante sobre a Salgadura no Salnés ás 10:30 h, logo da cal os barcos sairán ás 11:30 h regresando ás 13:00 h para o acto de peche da IV Xuntanza. Rematará a Xuntanza coa degustación das sardiñas curadas no Museo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

a falar a xente se entende