martes, 9 de setembro de 2014

Salvemos o Areoso

Podedes probar. Se entrades en calquera taberna da Arousa e pronunciades a media voz a palabra Areoso, alguén, a senhora que le o xornal, o senhor que toma café, a persoa que vos atenda, levantará a voz para deixarvos unha cousa clara: O Areoso é noso! É certo, O Areoso é da Arousa, e as carcamás pelexárono durante anos con unhas e outras, de Cambados, de Vilanova, de Aguinho, para finalmente asegurarse a autoridade sobre o ilhote, sobre esa duna que brilla nas tardes claras de inverno no centro do mar da Arousa. 

E tenhen razón na Arousa: o Areoso é noso! Fai parte do noso patrimonio natural e arqueolóxico, é de todos e todas e temos, todos e todas, a nosa parte de responsabilidade no seu futuro. 

O mar descubriu este dolmen no inverno do 2011.
O concheiro que rodea a mámoa redúcese cada inverno.

O muro de contención faise insuficiente para conservar a zona.
E se non fixádevos a que altura estaba cando Manuel Gago gravou o documental Unha viaxe á illa dos mortos en 2012 (E se non visionástedes o filme, aproveitade para entender por que é importante o xacemento).

O concheiro estaba bastante máis protexido.
Na Arousa exercemos a nosa responsabilidade. Porque no Areoso hai restos arqueolóxicos que o mar come cada ano, hai aves chegadas das árticas costas para aninhar coa suposta tranquilidade de non seren agredidas, e hai bancos marisqueiros que dan de comer a moitas familias. Todas estas son razóns para esixir un coidado especial dese espazo, cousa que non está a darse por parte das administracións responsábeis. 

O que máis perigo corre é a riqueza arqueolóxica do lugar, que como a area que a protexe, é nosa. De todas nós. E se o mar está a levala por diante inverno a inverno, temporal a temporal, queremos que parte dos cartos que pagamos nos nosos impostos sexa gastado en estudar eses restos. Porque se hai cartos para outras cousas debería habelos para unha escavación urxente. Porque igual dentro de cinco anos xa non hai nada que estudar. E temos dereito a conhecer o noso pasado.

E se a confraría gasta dos seus recursos económicos para preservar o marisqueo desa zona, non é xusto que o turismo irresponsábel arrase os fondos sen control de ningún tipo.  Ou que ese turismo irresponsábel adique as tardes a facer esculturinhas de pedras ou utilizar de escorregadoiras as dunas onde aninhan as píllaras (cousas estas das que fomos testemunhas o día da I Volta Podrén).

Por todo isto, porque o Areoso é noso e nós somos responsábeis, os Pandulleiros nos convidaron, e nós aceptamos, a facer unha navegación reivindicativa o próximo xoves 11 de Setembro. Apúntanse tamén as outras asociacións de embarcacións tradicionais da Arousa: a AC Fasquía, a ACKomaira e a AC Calmoseira

Quedamos na praia da Canteira às 16.30

Se queredes saber máis sobre o Areoso, nesta entrada da FGCMF encontraredes moitas ligazóns interesantes.

 Salvemos o Areoso!


1 comentario:

a falar a xente se entende