Amosando publicacións coa etiqueta Pandulleiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pandulleiros. Amosar todas as publicacións

sábado, 13 de setembro de 2014

Navegando en "antigos" barcos...

Como na TVG nunca deberon ver un  currach, pois pensan que as nosas son embarcacións antigas, e claro, antigas antigas non son, que son tradicionais (hai que deixalo claro, non vaia alguén pensar que as desenterramos do Areoso). Imos perdoarllo por sacar uns estupendos primeiros planos dos Mimelos, Lino e Salva. 

E a petición da afisión, aquí vos deixamos o vídeo por se non o vístedes aínda.




venres, 12 de setembro de 2014

O Areoso agarda por nós 2

E para mostra, un vídeo, gravado polos Pandulleiros:


Marabilla!!


O Areoso agarda por nós.

Onte chegamos ao Bao e eramos moita xente...

Primeiro unhas poucas...
...e despois máis e máis...
Na mallante, as dornas, o Rei do Mar, lanchas confrareiras e planeadoras de apoio. E toda a xente convocada polos Pandulleiros.

Agardando a hora cero para embarcar.
Como as da ENT Dorna xogabamos na casa, decidimos ir repartindo tripulacións en dornas e embarcacións grandes mentres agardabamos a chegada dos barcos das outras asociacións...

O Presioso dos Calmoseiros chegou a motor.
Mentres armabamos a Peça, chegaba o Komaira a vela.
E a Lavanqueira da Fasquía coa súa vela nova...
A orde: velas arriba cando mande o Rei do Mar. Ao final partimos tres galeóns, dúas dornas de tope, unha lancha xeiteira e sete dornas. Armada carcamá!!

E saimos!!
Grandes e pequenas!
A Nova Marina coméndolle as papas à Peça de Rabo.
E a Roxinha comédollas à xeiteira...
 O tempo de agarda deu para moito.

- Nenas, se nos orghanisamos, tomamos o Komaira antes de cheghar ao Areoso.

E todas rumbo ao Areoso!!

Como dicía Débora, o mar estaba presioso. Daba ghusto ver tantas velas tradicionais, TODAS da Arousa, brillando na costa. A tarde axudaba, pois en contra das predicións metereolóxicas destes días, había un ventinho agradábel e lucía o sol...

Pasando polo Cantinho, caminho do Campelo
Cousa bonita!
No Rei do Mar a tranquilidade daba para gozar das vistas... [CG]
..e do vento que ía a menos, a menos, a menos [CG].

Pasando o Campelo por terra a maioría...
...por fóra o Komaira.
Chegadas a Punta Cabalo, a calma. Saimos cara o canal para facer un último bordo antes de pór proa ao Areoso. Non houbo maneira, quedamos aboiadas entre bateas a mercé dun mar de fondo mareante...

Que presioso se vía o Presioso!
O de aboiadas era literal [CG].
Facíase imposíbel chegar ao Areoso a vela. Só darían arribado as embarcacións con motor. A decisión: voltar à praia da Canteira, remolcadas as dornas polos galeóns. O Rei do Mar veu darnos cabo à xeiteira.

Esas nubes na calma, de algo avisaban...
Collendo remolque e imaxes [CG].
Remolque feito (e esas nubes...)
Ao Adelino Manuel aínda lle funcionaba o motor...
E aquí acabaron as fotos!!

Chegadas ao Campelo de volta, o vento voltou aparecer. O Rei do Mar arriounos, armamos vela novamente... E a sufrir. 

De súbito entraron mar e vento a caldeiros. Na Nova Marina, sorteamos bateas como puidemos, e no seguinte cambio cosemos dous rises. Feita a operación, e unha vez que subimos vela, arrepentímonos de noter cosido os catro. Por que non faríamos caso daquelas nubes!!

Enfin, a volta ao Bao foi dura para todas as dornas. O Rei do Mar e as planeadoras de apoio tiveron que recoller embarcacións e traelas de remolque. O Komaira houbo de axudar ao Presioso, que quedou sen bomba de achique, para despois quedar sen motor tamén. Como iso pasou às portas do Cantinho, alí quedaron xa. O resto fomos chegando como puidemos. É dicir, remolcadas.

A Nova Marina salvada por Uxío.
A Peça de Rabo tamén salvada por Uxío.
E todas de volta para a casinha!!
Como podedes comprobar, non demos chegado ao Areoso, mais seguimos a defender a súa protección igualmente. Ademais, se leva aí máis de dous mil anos, ben pode agardar por nós un par de semanas!

Xa virán días sen tronada! [CG]


As fotos marcadas con CG son de Cleopatra a Gata, evidentemente.

martes, 9 de setembro de 2014

Salvemos o Areoso

Podedes probar. Se entrades en calquera taberna da Arousa e pronunciades a media voz a palabra Areoso, alguén, a senhora que le o xornal, o senhor que toma café, a persoa que vos atenda, levantará a voz para deixarvos unha cousa clara: O Areoso é noso! É certo, O Areoso é da Arousa, e as carcamás pelexárono durante anos con unhas e outras, de Cambados, de Vilanova, de Aguinho, para finalmente asegurarse a autoridade sobre o ilhote, sobre esa duna que brilla nas tardes claras de inverno no centro do mar da Arousa. 

E tenhen razón na Arousa: o Areoso é noso! Fai parte do noso patrimonio natural e arqueolóxico, é de todos e todas e temos, todos e todas, a nosa parte de responsabilidade no seu futuro. 

O mar descubriu este dolmen no inverno do 2011.
O concheiro que rodea a mámoa redúcese cada inverno.

O muro de contención faise insuficiente para conservar a zona.
E se non fixádevos a que altura estaba cando Manuel Gago gravou o documental Unha viaxe á illa dos mortos en 2012 (E se non visionástedes o filme, aproveitade para entender por que é importante o xacemento).

O concheiro estaba bastante máis protexido.
Na Arousa exercemos a nosa responsabilidade. Porque no Areoso hai restos arqueolóxicos que o mar come cada ano, hai aves chegadas das árticas costas para aninhar coa suposta tranquilidade de non seren agredidas, e hai bancos marisqueiros que dan de comer a moitas familias. Todas estas son razóns para esixir un coidado especial dese espazo, cousa que non está a darse por parte das administracións responsábeis. 

O que máis perigo corre é a riqueza arqueolóxica do lugar, que como a area que a protexe, é nosa. De todas nós. E se o mar está a levala por diante inverno a inverno, temporal a temporal, queremos que parte dos cartos que pagamos nos nosos impostos sexa gastado en estudar eses restos. Porque se hai cartos para outras cousas debería habelos para unha escavación urxente. Porque igual dentro de cinco anos xa non hai nada que estudar. E temos dereito a conhecer o noso pasado.

E se a confraría gasta dos seus recursos económicos para preservar o marisqueo desa zona, non é xusto que o turismo irresponsábel arrase os fondos sen control de ningún tipo.  Ou que ese turismo irresponsábel adique as tardes a facer esculturinhas de pedras ou utilizar de escorregadoiras as dunas onde aninhan as píllaras (cousas estas das que fomos testemunhas o día da I Volta Podrén).

Por todo isto, porque o Areoso é noso e nós somos responsábeis, os Pandulleiros nos convidaron, e nós aceptamos, a facer unha navegación reivindicativa o próximo xoves 11 de Setembro. Apúntanse tamén as outras asociacións de embarcacións tradicionais da Arousa: a AC Fasquía, a ACKomaira e a AC Calmoseira

Quedamos na praia da Canteira às 16.30

Se queredes saber máis sobre o Areoso, nesta entrada da FGCMF encontraredes moitas ligazóns interesantes.

 Salvemos o Areoso!


mércores, 18 de xuño de 2014

No Areoso

Onte o Rei do Mar tivo un traballo especial: facer de taxi para xente importante. Houbo de levar a expertas do Consello da Cultura Galega ao Areoso, para conheceren o restos arqueolóxicos do illote e comprobaren o seu estado de conservación. 
A visita foi organizada polos Pandulleiros, e facía parte das súas Xornadas de Patrimonio de hai algunhas semanas, mais daquela refacheaba finamente do sur e o galeón estaba convalecente dos seus achaques. En fin, que a cousa quedou para onte. 

A xente importante é a que leva chapeus de palla.
E os Pandulleiros gravaron un vídeo que vos pode axudar a ter unha idea da viaxe. 

 

Agardamos que o CCG consiga sacar adiante medidas para protexer o Areoso.

A imaxe roubeina do twitter de magago; o vídeo do bló dos Pandulleiros, claro.