Amosando publicacións coa etiqueta ACD Dorna. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACD Dorna. Amosar todas as publicacións

luns, 6 de febreiro de 2017

Que andaredes a facer??!!

O inverno é longo e frío. E para quecer nada hai mellor que pór a andar as neuronas. Pensar para mellorar o mundo. 

Comezando polos bancos de carpinteiro...
Fartas de serraduras? Até a punta do curuto de cambiar táboas podres? Aborrecidas da ghuvia, o formón, a lixadora??

TRANQUILAS!

O equipo JAI-TEC da ENT Dorna traballa nos seus laboratorios secretos nos fondos das NASAS, para conseguir os materiais máis acaídos aos tempos modernos que vivemos... 

Aínda non conseguimos eliminar a madeira toda...
Pero case!

Axudadas pola maquinaria máis sorprendente (sabiades que existía isto? nós, ignorantinhas,  non)
Estamos a dar forma a un novo modelo de dorna... 
...fabricado nun innovador material formado por varias capas de papel superpostas, a base de fibra virxe, tamén chamada polpa. É tan groso, duro e resistente como a madeira, e non lle entra a couza. 

É máis fácil de traballar que o pinheiro...
E sen serraduras que incomoden às alérxicas!
Cremos que na próxima regata serán as novas dornas as que ganhen todos os trofeos... 

Protótipo JAI-TEC RECYCLING
O da auga estamos a miralo, pero cremos que cunhas pinturinhas de témpera van deslizarse pola tona da auga como prinsesas... 



xoves, 8 de decembro de 2016

Elecións, elecións!!!!

Pero para que sexan, 

Asemblea! Asemblea!! Asemblea!!!


Manhá (si, manhá, que pasa, avisamos cando podemos!) 9 de decembro, na Sala de Plenos do Concello da Arousa (iso é nivelito, imos ocupando espazos...) 
às 17.30 horas en primeira convocatoria, às 18.00 horas en segunda (escusades chegar à primeira, claro!) 
teremos ASEMBLEA EXTRAORDINARIA DA ACD DORNA, na que trataremos os seguintes pontos: 

  1. Aprobación da acta anterior
  2. Estado de contas e
  3. CONVOCATORIA de NOVAS ELECCIÓNS

Queres ser PRESIDENTA da ACD Dorna? Este é o teu momento!! O de manhá é o teu día!!

A ver se xuntamos tanta xente como o equipo diretivo rebelde do IES ;) (A foto do FdV.)

luns, 28 de novembro de 2016

Aqueles tempos Insubmisos

As máis novas non lembrades, porén non hai tanto tempo os mozos deste país tinhan que render contas militares e pasar parte das súas vidas aprendendo a matar e morrer pola(s) patria(s) encerrados en cuarteis. 
As máis novas non o lembrades, porén chegaron tempos en que a sociedade dixo que xa estaba ben e un bo grupo de mozos se negou a participar desas modernas levas, emerxendo o movemento antimilitarista e de insubmisión. 

E como o 9 de decembro, no Auditorio da Arousa imos poder ver a obra teatral Goldi Libre, memorias dun insubmiso en tempos de Felipe González, ocorréusenos vir contar desas outras hisstorias da mili, as daqueles que non quixeran ir a ela. 

Así que o 1 de decembro, ás 18.00 horas, no Con do Moucho, vanse xuntar unha panda de insubmisos dentro e fóra dos cuarteis para contar as súas experiencias e lembrar às novas, que xa non lembrades, que por eles viver condenados, vós non estades obrigadas a facer servizo militar. 

Xuntaranse no evento: 
  • César Goldi, insubmiso condenado e actor
  • Elías Rozas e Ramiro Paz, insubmisos nos cuarteis e condenados polo rexime militar
  • Manuel Seixas, filósofo antimilitarista
  • Carlos Blanco, insubmiso autoinculpado

Achegádevos e sabede da historia deste país. 


domingo, 2 de outubro de 2016

Unha marinha para a Nova Marina

... e para as demais embarcacións, claro!

É máis, para todas!!

E para conseguilo venhen de xuntarse, cousa nunca vista, as asociacións todas que na Arousa protexen e difunden e practican e celebran a navegación tradicional: Fasquía, Calmoseira, Komaira, Caramuxo e Dorna. Só por iso, por ser quen de porse as cinco de acordo, deberían facernos caso. 

A proposta e crear unha marinha tradicional no espazo do Chufre que hoxe ocupan as planeadoras e que seique van librar proximamente porque seique Portos por fin vai atender as súas reclamacións dun abrigo digno para os barcos da terceira listaxe. Seique.

Ai, eses pantalancinhos cheos de dornas!! Quen os verá!!

Saímos todas ganhando: quen vive do mar, porto digno, quen mantén viva a navegación tradicional, porto digno. 

Que vaia avante! 

Para as que queirades saber máis do asunto, podedes ler aquí.

xoves, 19 de maio de 2016

Día das Letras na Arousa: O equipo A.

Xa o dicía Hannibal, o cerebrito do Equipo A: moito gosto de que os plans saian ben!!

Pero non sempre é desexábel que as cousas sexan perfectas. Por exemplo, a navegación do Día das Letras deste ano... 
Por primeira vez en moitos anos, Salva, o dire da ENT Dorna, non ía poder estar con nós. Leva o pobre preocupado e facendo asembleas desde o mes de febreiro para organizar este día. Tanto medo tinha de deixarnos soas con todo o petate. Nós sabiamos que podiamos con todo sen problema ningún, que xa o ano pasado tivo que faltar a unha das regatas que organiza Dorna e apanhámonos mellor que nunca. 
E aí ven o problema. O día non podía sair perfecto. Algún fallo tinha que haber para que o dire non se nos desmorone alá nos méxicos en que anda e pense que non é deses homes imprescidíbeis, mesmo necesarios. 
Na xuntanza do sábado todo o noso aquel foi organizar os erros da actividade para que algo saíse mal. Para que Salva voltase con ganas de pornos a andar.

- Enviemos o grupo de música e baile tradicional de pasarrúas por toda a Arousa, desde as Acenhas até o Laghartinho. Xa desde as nove da manhá. Cun pouco de sorte chega tan derreado que non baila nin toca con xeito. 

Ai, que carinhas ghoradas!!
- Oe! Até as rodas lles quedaron perfectas!

Iso que son as pequeneiras!
- Por se fallan as de baile, podemos facer outra cousa: que vos parece se colocamos os barcos en formación especial, entre a pasarela dos pantaláns e a rampla. 
- Ui, iso é moito lío! Nunca tal cousa mandou Salva...
- Pois! Quedar, quedaría ben bonito tocar a buguina en homenaxe a Pili desde as proas das embarcacións, pero seguro que nos sae mal: enredamos os cabos, chocan de costado, vai aire. Salva ha quedar aliviado de que faltase a súa coordinación...

- Ui, que este cabo non vai dar...
Cachis! Quedou unha U ben xeitosa!
- Tampouco é tan complicado fallar! Pon a Uxío ao mando da Nova Marina e xa el esquecerá ostaghar...

- Dá ordes, dá! Haahahaha! (riso maligno)
- Merxxx! Quen meteu a Parada no mesmo barco!!
- Pon aos piraghueiros ao mando da Peça de Rabo. Andan tan embebidos no fútbol gaélico que seguro esqueceron todas maniobras...

- Que era? Un oito ou un as de guía?
Nin cando se lle pide, erran...

- Podemos deixar o erro para cando a Chíscala. Así é máis visíbel, que ha estar todo o peirán mirando. 
- Que a baixen ao lombo com roupa nova! Cun pouco de sorte, por medo a mancharse, alguén a deixa cair no medio da rampla...
 
Ei, quen andou a repartir trapos vellos!!
Así calquera a leva no colo...
- Nada, non te preocupes, ponlle aceite no temón, que con tanto brillo non se vai notar, e seguro que Xusto non o dá armado.

Aí, aí, venha que fallas!
Uuuuuuuuui!
- Bah, se é moi fácil: ponlle de proel a Inasio, que co despiste que leva ao lombo, e xuntado con Xusto, seghuro que esquecen calquera cousa básica (a vela, a cana, a escota) e non dan navegado...

As drisas! Deixaron atrás das drisas!!
Nen o ferro de pasar esqueceron! Planchadinha foi a vela!
- Cada vez temos menos oportunidades... 
- Tranquila... Embarca ao Javi Calvinho na Maristela, que co tempo que hai que non navega, se hai sorte, dan cuparriba...

Ui, que pinta de acabar mal...
E vai ser como o das bicis, que nunca se esquece o aprendido!
Poucas chances nos quedan... 
- Nada! Enchemos o Rei do Mar de xente inexperta e nin o foque dá botado arriba. Moi mal vai quedar iso de sair só a motor... O día das letras... Se estivera Salva...

Uiiii, para organizar esa cuberta!!!

Se peor o queremos facer, mellor nos sae....

- E que tal se lle propomos aos da Chíscala que a luzan facendo unha pasada pola popa ao Rei, así coma quen que hai que dar espectáculo? Maloserá que non se espeten!
- É verdade. Salva nunca lles deixaría...

Venha, dálle! Féndeo polo medio!
E safou!!
- Pois non se me ocorre que máis podemos facer mal... 

- Mándalle un dron!
- Déixate de drons e de lerias. Haberá que fastidiarse e ter un día perfecto. Calquera llo conta a Salva...

- Que a navegación foi estupenda?
Si, calquera llo conta!



As fotos roubámolas do feisbu de Francisco Martínez e do ghuasá de Jose.

 

luns, 16 de maio de 2016

Día das Letras 2016

Como todos os anos, a ACD Dorna celebra o Día das Letras Galegas con festa, como debe ser. 

Agardamos por vós no Peirao do Cantinho apartir das 11 da manhá. 
A libraría Castelao terá un posto de venda de libros, que para algo celebramos letras.
As bailadoras e cantadoras e tocadoras da ACD Dorna sairán do local da Escola de Pau chamando a toda a vila à festa, facendo pasarrúas pola Arousa adiante. 
Neste ano o día ten unha luz especial, pois queremos aproveitar para render merecida homenaxe a Pili Muñiz, presidenta que foi de Dorna. A súa familia acompanharanos toda a manhá. 
Falarán Fernando Piñeiro e Anxo Angueira. 
Botaremos ao mar dornas novas que naveguen este mar e sairemos a pasear nas embarcacións grandes da Escola. 

A nosa armada xa está no Chufre agardando por todas vós!


xoves, 31 de marzo de 2016

Presidenta!




Fala Uxío, e fala por todas nós, que mandamos un carinho à familia: 
 
Que hoxe non remate o día sen dedicar unhas palabras para quen foi a presidenta da ACD Dorna desde o ano 2000 ata polo menos o 2007. 
Con ela como presidenta naceu a Escola de Navegación Tradicional. Grazas ao seu empeño e dedicación ata aquí chegamos. 
Representante máxima de música e baile tradicional da ACD Dorna, falece unha persona significativa para Dorna. 
O meu agradecemento personal para Pilar Muñiz, "A Tosca".



[a imaxe é de Thais Núñez, que seguro non se incomoda porque lla tenhamos roubado]

 

domingo, 6 de marzo de 2016

Toca miña pandeireta...

...se non heite de rachar[e]
que me custaches os cartos
axúdamos a ghanhar[e] 

E houbo quen ghanou ben deles, houbo!

Onte, a sección de korosi dansas da ACD DORNA tinha convocada à toda a poboación ao seu primeiro Certame de Pandeireta. E tanta poboación acudiu ao chamado que o Auditorio da Arousa quedou pequeno e quedaron às portas máis de 50 persoas, como nas mellores tournés dos Rolling Stones. E como nesas tournés, houberon de sair fora as estrelas para botarlle às fans decepcioadas un par de maneos e tres rumbas. 

Entretanto, dentro do Auditorio todo estaba a punto: 

A canteira da asociación termando do edificio. Hai futuro!
Algunha sempre o tivo claro: 
-ai nena, que queres ser de ghrande?

- Bombeira!!
@s demais non sabemos, pero David é un grande gaiteiro...
Para algho o deixamos ensaiar na proa da dorna cando ven navegar....

Venha para o escenario!
A noite foi completa: 


Exerceron de xurado Eva Blanco, Pilar Gonçalves e Mateo González. 

Participaron os grupos Xeitura, A Freiría de Baixo Miño, Fouliada de Mazaricos, Herbameira de Noia, Lina e Lola do Morrazo, a Escola de Muiñeira Cantigas e Agarimos, Mar de Arousa de Bamio, Tarambainas de Vigo, Xirandaina de Santiago de Compostela e Volandeira. E claro, elan estrelas e pechando ao grande, a ACD Dorna [as Correolas non fomos porque tocamos na clandestinidade da ESO].

E quen ganhou?

Pois xa o nome o dicía, as Tarambainas, que algho hai que selo para conseguir só con voz e ferrenhas que a xente queira bailar... en segundo lugar quedaron as Cantigas e Agarimos e en terceiro as Xirandaina.
Todas elas ganharon os cartos que lles custou a pandeireta...

As demais, non ganharon, mais como se axudaron de companheirinhas leales, non quedaron nada mal[e].


Imos indo...
E despois deste éxito organizativo, para o ano máis, suponhemos!



xoves, 24 de decembro de 2015

Non hai Nadal sen Asemblea!!

 
Ai, e pensabades que andabamos esquecidas de vós?? NOON!!

Hoxe ceade ben coas familias, ou tomade um bocata de alcriques se pasades das festas natalicias... 
Aguardade polo Pai Natal, ou o Apalpador ou o Pandigueiro, entregade presentes à fillas, sobrinhas e netas. E comede moito. Moito. 
E manhá erguédevos con gana de máis familia e maáis fillas e máis sobrinhas e máis netas. Enchoupádevos de amor fraternal e durmide a resaca parenteleira...

QUE O SÁBADO HAI ASEMBLEA DA ACD DORNA!

DIA: 26 de decembro
HORA: 17.30
LUGAR: Escola de Pau. 
ORDE DO DÌA: 
  1. Estado de contas
  2. Proxectos de futuro
  3. Rolda de Intervencións 






xoves, 10 de decembro de 2015

Concurso!!

E mandan aviso as companheiras (unha chea de seccións somos em Dorna Arousa) do Grupo de Baile e Música Tradicional Dorna, a gholpe de ghuasá, de que convocan un certame internacional (podedes vir as da ponte palá) de tocadoras e cantadoras de pandeireta. 
Xa o sabedes, 

se eu toco a pandeireta
se a pandeireta toco
se eu toco a pandeireta
é por divertirme um pouco

que pasado à língua das que tirades máis polo fúmbol, quere dicir algo así como "o importante é participar". 

[aproveitade que as Correolas incumpren as bases para buscar a victoria ;) ]


domingo, 17 de maio de 2015

Festa das Letras, Dornas ao Mar!!

Que día bonito tivemos para celebrar as letras e inaugurar tempada!!

Como todos os anos...

Amarramos os barcos....
Ostaghamos as velas...
Axudamos a montar o posto da Libraría Castelao...
E preparámonos para festexar que temos unha cultura viva, digna e exemplar!

Luz chegou e xa sabía algo dunha pequena sorpresa.
As bailadoras da ACD Dorna foron chamando pola xente...
...que se foi xuntando no Cantinho.
Tinhamos dúas fermosas dornas para botar abaixo.

A Pancha
E a Orval, cheghadinha da banda meca do mar.
Todo estaba a punto.

Mesmo as brancas velas...
Só faltaba ter unha maré propicia para non facer o lanzamento de dornas do ano pasado. Así que o presidente deu orde de facermos tempo...

...falando de Filgueira Valverde. 

E claro, tivemos que contar que si, polígrafo moito, mais tamén censor, expurgador, depurador de mestras, alcalde e procurador en cortes franquista. E na ACD Dorna non podemos festexar tal cousa. Así que decidimos mudar o senhor Filgueira por Luz Fandinho, poeta viva, digna e exemplar, que para nós simboliza moito mellor o que entendemos por facer unha Festa das Letras. 

Non sabe herr direktor o que fixo deixando no micro à blogueira...
Luz recibindo a homenaxe das xentes da Arousa.
Mais a maré non acababa de subir...

Houbo que tirar do poeta. Anxo Angueira falou para apresentar o seguinte convidado.

E había un senhor por aí que non sabemos quen era ;)
O senhor que non sabemos quen é e Xurxo Souto ;)
Xurxo contou para nós contos do mar de Irlanda. Falounos dos guerrilleiros da FRELIMO e da Cona da Vella, alá por Ons ou por Arán, quen sabe. 

E sobre todo, fixo medrar o mar en terra!!
E chegou, por fin, a maré propicia. 

Ao ritmo do Himno do Antigo Reino...
Foron indo...
...as dornas...
...e as velas arriba.
Medre no mar!!
Que repoludos ghaiteiros!!
E, para acabar, nós tamén navegar!
NON NON NON 

Nunca acaban aí as festas.

Sen unha looooonga sobremesa...
...coa homenaxeada viva, digna e exemplar.

Algunhas imaxes son da blogueira, outras de Débora e outras de Illa Natura. E como había tanta cámara na festa, agardamos que vaian chegando vídeos e pilículas.