xoves, 10 de decembro de 2015

Concurso!!

E mandan aviso as companheiras (unha chea de seccións somos em Dorna Arousa) do Grupo de Baile e Música Tradicional Dorna, a gholpe de ghuasá, de que convocan un certame internacional (podedes vir as da ponte palá) de tocadoras e cantadoras de pandeireta. 
Xa o sabedes, 

se eu toco a pandeireta
se a pandeireta toco
se eu toco a pandeireta
é por divertirme um pouco

que pasado à língua das que tirades máis polo fúmbol, quere dicir algo así como "o importante é participar". 

[aproveitade que as Correolas incumpren as bases para buscar a victoria ;) ]


martes, 8 de decembro de 2015

I Gala Podrén

Como xa acabou a crise, seique, este ano na ENT Dorna botamos por fóra. E seguindo as chamadas ao ánimo e à aleghria de Rajoy, argallamos uma superfesta para entregar os carnetes da Escola às novas asociadas. 

Fixemos convites, que distribuimos entre toda a nosa xente, simpatizanta ou non, e pedímoslle ao Concello o Auditorio. Como sempre, tan colaboradorinho, o Concello emprestou. 

Ghuaue! para ser a primeira vez que faciamos a Gala Podrén, moito público xuntamos!!

Algún era da casa, claro!!
Encargamos a Lino McGuiver a decoración do escenario, e cunhas nasas por aquí, unhas redes por alá, uns crivos acolá, oe!, deixounos o chiringuito estupendo. 

E desde cando o chinchorro ten de nome Mucha??!!

Unha vez cadaquén no seu sitio, comezamos!!

Para que a cousa fose atractiva e entretida, e non parecese un acto mazador, socias de sabida veteranía e experiencia gravaron uns simpáticos vídeos, que xa publicitaremos na nosa canle do yutú, narrando anécdotas e sucesos curiosos acontecidos na historia da ENT Dorna. 

Téibol lembrounos aqueles tempos en que era xuiz de regatas, e tantas ofertas recibía de viaxes ao Caribe e cruceiros polo Mediterráneo por descualificar unha dorna ou adiantar outra. Aaah, ben puido facerse rico, e non quixo. 
 
Entre bateas!

E falou George, de como chegou de Ghana contratado pola Dorna Real Team para patronear a Faneca, e como quedou na Arousa para sempre, apaixonado das súas praias e fresquinhas augas.

E máis vídeos...
Outro estranxeiro, este chegado de Inglaterra, Carlos Blanco, contou como chegou à Arousa, cando aínda era reporteiro deportivo na Radio Galega, para retrasmitir a XV Volta à Arousa. Narrou como a planeadora na que seguían a regata engharghallou nas barbas de raposo e acabou a retrasmisión desde a Estela, que daquela ía de novena, miragre! Moito rimos cos seus contos!!
 
Claro é, os podréns mereceron un protagonismo especial: eles tinhan que, vestidos para a ocasión, demostrar, presentando a Gala, se merecían ou non o carnete de socio.  

O Marquitos e o Jose Antonio aínda se saban ben...

Un deles, o Marcos, andaba dálle que dálle con que era da Arousa de toda a vida, carcamán repoludo. A nós quedounos a dúbida, porque nunca antes o viramos por aquí, porque non sabía o que era a proa nin a popa e porque nin sequera soubo dicirnos por que nome corre a súa familia, e mira que o tinha fácil...

E seghimos a ver vídeos de xentes da ENT Dorna: 
Thais contou como foi ela a primeira muller en ganhar unha Regata de Bao, no ano 2010, despois de aparellar a dorna Reghalada en 28 segundos e pasar na ponte à Jalerna e à Nécora. Aproveitou para levarnos ao Obradoiro de Memoria que coordina, onde as vellas glorias da Arousa contaron daquelas Regatas a Remos dos anos 70... ai, tempos!!

E chegou o momento importante: o de retrasmitir a proba final do curso de iniciación à navegación tradicional. Aprobarían estes rapacinhos novos? 

Pregunta 5: que tipo de embarcación é a Nova Marina?

Herr Direktor por fin se dignou a sacalos do apuro: foi repasando erros e acertos do exame (que o que hai no escenario é poliéster, podréns!!). 

- Aínda non vos quedou claro o que é couso e meo...
Porén, como a noite foi divertida e Kevin e o Puskas puxeron da súa parte para dicir con e non penedo, decidimos darlles os carnetes e admitilos na familia dorneira. 

Entrega oficial dos carnetes correspondentes ao ano 2015.
Aínda pasaron máis soci@s da ENT Dorna polo escenario, pero como chegadas a este punto non temos máis fotos, que aquí o cámara nos botou a bronca, pois demos por acabada a I GALA PODRÉN. 

Para o ano, máis (se a crise é verdade que acabou)!
 

xoves, 3 de decembro de 2015

Estamos trabahando en ellou!!

...como dicía o Ánsar...

ídevos preparando que María e Madalena andan listas!!



mércores, 2 de decembro de 2015

A visita

Durante o mes da tecnoloxía, mes de grandes traballos innecesarios para sacar adiante unha familia mas esenciais para o progreso da humanidade, ademais de traballar, recibimos visitas. 

E se unha panda tan enxenhosa como a dorneira hai no mundo (televisivo) é a do Era Visto. E así, o Moncho enviou desde Lamoso ao Kevin e ao Puskas para veren como traballabamos na ENT Dorna, e aprender algo con xeito dunha vez.

Porfavorinho! Que me vas dicir!!, exclamou Herr Direktor.
Ou serían outras persoas as que vinheron? Ai, isto da dupla personalidade actoril fai que as nosas cabecinhas non paren!!!

Nestes días quedaranos clara a identidade destes AVNIS: Actores Visitantes Non Indentidicados (claramente).

 

xoves, 12 de novembro de 2015

Mes da tecnoloxía

Durante este mes, unha vez que gardamos as dornas todas no gharito do Naval, ao coidado do Nolito que, outra vez!!, voltou aparcarnos o porchito na porta, a verdade é que nos encontramos con moito tempo libre. 
Non hai que pintar, non hai que argallar regatas ou pachangas, non hai que pasear o Rei, que anda ocupadísmo alá polas catalunyas secesionistas, non hai... 

SEMPRE HAI QUE FACER!!

e, se non, INVENTAMOS. 

Como na ENT Dorna temos un mcguiver pero non un Dr. Bacterio, nin un Dr. Franz de Copenhage, nin un Beakman, alá mandamos ao noso xerifalte a consultar co oráculo actual dos tecnólogos dorneiros, para que lle pasase os planos e instrucións inventorís. Como sabiamos que o senhor ese de Aguinho non nos había pasar información, por iso da espionaxe indutrial, puxemos unha escusa para a visita e a apropiación do material.

O Dr. Ayaso dando ao aprendiz as medidas da Chíscala.
E cos planos no peto, como se dun tesourinho se tratase, voltou da outra banda da ría herr direktor, e tivemos asemblea e pasamos á acción...

Comezando a pegar gonzos e charneiras nas rótulas dos quebradizos.
O virabrequín das mangueiras de presión botando chispas.
Mimá! Cacho axuste do rodamento direccional!!
A verdade é que o traballo foi brutal. O esforzo mental gastado, moito. Tanto, que algúns días do mes da tecnoloxía renunciamos a chaves e martelos para destinalos á relaxación, sempre tan necesaria. 

Enchoupando um pouco tai-chi.
O resultado final non puido ser mellor. Sempre a combinación de tradición, talento, traballo colaborativo e jai-tec funcionaron: 

...e demos por acabada a Patineta de Dornas!!


luns, 26 de outubro de 2015

A última cea (do ano)

E reuniu o presi Salva ao seu apostolado, e díxolle: 
- Chega o día da festa do pan sen fromento, e temos que sacrificar o cordeiro do fin de tempada. 
E os discípuos dubidaron, tres veces cando menos: 
- E onde queres que preparemos a cea?

E enviou Salva dous discípulos e díxolles: 
- Ide ao Bar Mexillón e encarghade tres menús, non sexa que non venha o Xudas e non nos cheghen os cartos. 

E foron os discípulos e encargaron a cea e reservaron o sábado 5, cinco!, de decembro. 

E dixo o profeta: 
- Moito gosto de que as cousas saian ben!!
- Nin tanto, respostou Xudas, que era Iscariote perdido, só hai 70 prazas. Por orde de chegada. Vainos quedar fóra a metade da freguesía... 

Os últimos primeiros anotados serán os primeiros que entren nos ceos na cea, sentenciou o noso cristinho.
 


E chegharon a María e a Madalena, alzáronse ante o profeta Salva e exclamaron: 

- E non pensarás que vai haber Cea de Fin de Tempada sen PREMIOS PODRÉN??? Una y no más, Santo Tomás!!.

Se picades neste doodle podedes anotarvos e votar o prezo do menú que preferides. 


martes, 20 de outubro de 2015

Áncoras ao fondo, que chega o outono!

Non pensedes que porque non pasamos polo bló non facemos nada. Que va! O outono é unha época ben intensa que dá para todo, para sol e para chuvia, para calma e para cicloxénese temporal, para saídas e quedadas... Iso si, a cada tarde nótanse máis os días e vemos o verán ir alá...

O outono dá...

...para varar as embarcacións cando chega a surada...
...e armar tertulias no medio da ría...
...para subir dornas no medio da chuvia...
...e boghar na calma, podre, tan podre...
...para devolver un trofeu ao alcalde do sur...
...e traelo de volta na mesma semana...
...para ir levando dornas ao Naval...
...e outras a ghanhar trofeus...
... para trasladar as embarcacións grandes ao refuxio invernal...
...despois de pasear nelas bretóns acompanhadas do Presioso...
...para seguir levando dornas ao Naval...
... e controlar os choques internos...
...para navegar de día...
...e navegar case na noite...
...para gardar a Nova Marina...
...e o Republicano...
...mesmo dá para convocar multitudinarias asembleas!!
Despois de tanto traballo...

...dormen as dornas calmas no local Naval.
E con elas o remolque o o motos da Luxitana, pois o outono tamén deu para ir buscalos a Sevilla Huelva Espartinas e traelos para as augas do norte, para as tardes nas que xa se notan os días.