venres, 15 de novembro de 2013

NUNCA MÁIS

Hai once anos a Arousa viviu un do peores momentos da súa historia. Mais, ao tempo, ou por iso mesmo, quizás, ofreceu ao mundo un deses grandes momentos que fan que as persoas aínda acreditemos na humanidade. 

Auto-organizada asemblearia e anarquicamente, como debe ser ;) , a comunidade caracamá artellou todo un sistema para parar o chapapote nas portas das ría. A ACD Dorna fixo daquela o que ninguén se atrevía a facer: gravar as imaxes para que nunca esquecéramos. 
Mentres as forzas de seguridade andaban máis preocupadas por vixiar que non navegasen xornalistas que de evitar o desastre medioambiental, as cámaras da asociación embarcaron clandestinamente no bateeiro dos Allo, e gravaron escenas dantescas e duras que aínda hoxe fan chorar de raiba e ira. Dese material nasceu o documental de Marcos Nine, Carcamáns, que homenaxea o traballo das xentes todas da Arousa.


Once anos despois de nós cumprir as nosas responsabilidades cidadás, once anos despois de facer o que tinhamos que facer: axudar naquilo que puidéramos, sen agardar recompensas nin agradecementos, o desastre queda sen responsables que paguen polos seus erros e as súas neglixencias. 

Once anos despois temos que voltar á rúa e berrar NUNCA MÁIS, para demostrar que se o crime fica impune, non será co noso silencio.


Acudide hoxe álgunha das múltiplas concetracións convocadas pola Plataforma Nunca Máis. En Vilagarcía é ás 20.00 horas na Praza de Galicia.

No blog dos Pandulleiros recuperaron un resumo daqueles duros días de decembro de 2002:


Ningún comentario:

Publicar un comentario

a falar a xente se entende