venres, 15 de novembro de 2013

NUNCA MÁIS

Hai once anos a Arousa viviu un do peores momentos da súa historia. Mais, ao tempo, ou por iso mesmo, quizás, ofreceu ao mundo un deses grandes momentos que fan que as persoas aínda acreditemos na humanidade. 

Auto-organizada asemblearia e anarquicamente, como debe ser ;) , a comunidade caracamá artellou todo un sistema para parar o chapapote nas portas das ría. A ACD Dorna fixo daquela o que ninguén se atrevía a facer: gravar as imaxes para que nunca esquecéramos. 
Mentres as forzas de seguridade andaban máis preocupadas por vixiar que non navegasen xornalistas que de evitar o desastre medioambiental, as cámaras da asociación embarcaron clandestinamente no bateeiro dos Allo, e gravaron escenas dantescas e duras que aínda hoxe fan chorar de raiba e ira. Dese material nasceu o documental de Marcos Nine, Carcamáns, que homenaxea o traballo das xentes todas da Arousa.


Once anos despois de nós cumprir as nosas responsabilidades cidadás, once anos despois de facer o que tinhamos que facer: axudar naquilo que puidéramos, sen agardar recompensas nin agradecementos, o desastre queda sen responsables que paguen polos seus erros e as súas neglixencias. 

Once anos despois temos que voltar á rúa e berrar NUNCA MÁIS, para demostrar que se o crime fica impune, non será co noso silencio.


Acudide hoxe álgunha das múltiplas concetracións convocadas pola Plataforma Nunca Máis. En Vilagarcía é ás 20.00 horas na Praza de Galicia.

No blog dos Pandulleiros recuperaron un resumo daqueles duros días de decembro de 2002:


mércores, 13 de novembro de 2013

Cea final de tempada

E si, senhoras e senhores!! Xa hai data!!
Chega a cea de fin de tempada!!

Como o ano pasado, consistirá nunha churrascada completada con excelentes entrantes e sobremesas.
Será no restaurante Con do Sol, na Arousa (xa sabedes, primeira redonda á esquerda, dirección Carreirón).

DATA: sábado 23 de novembro
PREZO: 20 €
DATA límite para anotármonos: xoves 21 de novembro.
SISTEMA DE AVISO: chamada telefónica ou sms à centralinha de Salva.

Maloserá que non chegue o porco...

O día a día

A patronaxe da ENT Dorna estabeleceu, a imitación dos bombeiros voluntarios, a súa BASE de INVERNADA

Alí está, en Testos, no local cedido pola Xunta de Montes da Arousa. Todos os días, apartir das 17.00 horas, haberá por alí persoas dispostas a ir reparando empanetados, recosendo velas, trincando pás e remos e botando parrafadas. 

Iso si, se pensades vir desde lonxe, perguntade antes a Salva, non vaia ser que xusto a tarde que venhades, haxa epidemia de sestas.

Se vindes, ighual alguén vos conta a incríbel historia deste tractor...

A revisión das 30.000 millas

A xeiteira Nova Marina pasa un pouco dos 20 anos, o que non é nada para unha lancha xeiteira. Mais tamén é certo que ten gastas as rodas, sen mudar a correa de distribución e sen actualizar o software da cadeira. É dicir, que hai que restaurar a quilla e recravar boa parte das táboas, que despois de tantas travesías e navegacións andan murchadinhas de todo. 
Este é un traballo que excede as capacidades da ENT Dorna, sobre todo tendo en conta que estamos a falar da raínha das embarcacións tradicionais galegas, DA lancha xeiteira por antonomasia. 
Por iso, toca ir ao taller. Nada máis e nada menos que à Escola-Obradoiro Aixola, de Marín, onde ponherán a xeiteira como unha rosa.

ATENCIóN

O sábado 16 de setembro, às 8.00 horas, sairá do peirán do Cantinho, un galeón de nome Rei do Mar. Levará remolcada a xeiteira e terá como destino Marín, unha ría ao sul e ao fondo. 

As que queirades participar na travesía outoniza, enviade aviso a Salva, através do telefone da escola.

Non todo son reparacións: a pintura e os sins están novos do trinque!

luns, 11 de novembro de 2013

Regatas de Inverno

Como pola outra banda da ría, a xente de Lajareu fai as regatas por estacións, pois nós copiámoslles a idea e convocamos a nosa primeira regata de inverno

E como o que doe nestes meses fríos é acabar molladas coma pitos, e aterecidas, optamos pola modalidade de Regata en Seco

A diferencia deste tipo de competición é o número de tripulantes por embarcación. Ao ser en secano, só hai que ter en conta o vento, e as correntadas, marés e forza das ondas non tenhen influencia, polo que é suficiente cun só tripulante por dorna. 

É excusado inventarmos novas modalidades, porque a verdade, sempre acaban ganhando os mesmos... 

Saíron do Cantinho 13 dornas, que tinhan como meta final, o Auditorio da Arousa. Tomaron grandes avantaxe sobre o resto de regatistas, por unha parte, Ricardo, que abandonou a Cartarola e a Jalerna, e por outra,  Braulio, que deixou de banda a Harry e a Nécora. Ao final, desde a lancha de Lino McGuiver só demos seguido a estes dous contendentes. Grande traballo tivo o xuíz nos pasos por boia...

En rumbo de colisión pasando a última boia
Braulio cruzando a meta en primeira posición


Como vedes, as reproducións de dornas son ben bonitas. Orgullosos que estaban os amos!

domingo, 10 de novembro de 2013

Novo roteiro turístico

 Este sábado foi día de  caminhadas e traballos.

Como na ENT Dorna quen non ten fillas, sobrinhos, curmás ou vicinhos no instituto, traballa nel ou incluso é alumna, pois primeiro tocou participar na concentración da manhá en defensa do escola pública e a xestión democrática dos centros.
 
Os ranhos foron testemunhas da marcha da comunidade educativa da Arousa
A Arousa é unha illa fácil de caminhar e biciclitear; e para facelo conta con varios roteiros. O máis conhecido é o Roteiro dos Cons, que até ten a súa versión bolecheira. E desde estes días, contamos tamén coa Rota dos Pendellos, deses que temos repartidos polo territorio insular para gardar as nosas embarcacións.

Primeiro ao pendello da seneira, a retirar a roupa enxoita e tender a húmida...

Encartando as sabas limpas...
O corrector de galego: aquí si podemos dicir que desenrolamos un asunto  ;)
E venha, a tender unha nova tandada de roupa!
O traballo máis duro: aguantar do cabo...
E despois de deixar o tendal listo, subir aos conches (Santi à bicicleta) e dálle para Testos, ao seguinte punto da Rota.

Sistema provisorio de iluminación do local (para xustificar a calidade das imaxes)
Lembrades que tinhamos que abrir un par de xanelas para que correra o aire? Pois iso fixemos! 

Thor arreando o martelo contra a parede
Fixemos?? No sistema dorneiro, por cada un que traballa, catro opinan.
A última pedra (o último tixolo) a punto de cair...
A Lino tanto lle ten cambiar de pendello: con ter un banco de carpinteiro é feliz!
E co día acabando, a xanela xa tinha reixa para evitar a contaminación química gavoteira
Acabando en Testos aínda tocaba ir ao Bao e ao Cabodeiro, pero xa era noite pechada. Deixamos o final da Rota dos Pendellos para outro día.

A Montañesa


A Montañesa entrando en Vilaxoán hai dous invernos

Onte fixemos o conto ao revés. Habitualmente é a tripulación montañesa a que ven a nós. Porén, desta tocou viaxar nós ao norte.

Así que fomos a Vilaxoán, onde aínda descansaba, botámola ao mar, armamos temón, pau, vela e drisas, organizamos tripulación, e enviámola a Carral para ofrecerlle un cariño (un deses cariños ghrandes), de parte de toda a ENT dorna, a Calviño, o seu amo, ao que lle toucou este días facer unha travesía ben dura.

E como nos lembra Malena, hai un montañés que continuará a navegar con nós levado polo nome do galeón, que tallaron as súas mans.

E ben fermosas que quedaron!