Para lembrar a Luís Rei nada mellor que traer aquí aquilo que escribiu Emilio Xosé Ínsua non hai nada:
Nos Encontros organizados en Cambados coa Caracola ao fondo. |
É de xustiza que as miñas primeiras palabras sexan para agradecer moi sinceramente aos libreiros e libreiras de Cambados (Moncho, Tita, Veva...) o auténtico privilexio de que me fan beneficiario neste día de festa cultural e profunda emoción humana ao que estamos asistindo e no que lle vai ser entregado ao noso admirado e benqueridísimo Luís Rei o premio Ramón Cabanillas, na súa décimo segunda edición.
Moitas,
moitísimas das persoas que enchedes hoxe o Auditorio da Xuventude e
moitas que comparecen tamén dalgún xeito “en espírito” desde a
forzosa distancia por imposibilidade de estar presentes fisicamente
poderíades ocupar agora esta mesma tribuna para facer, como é norma
que aconteza neste tipo de ocasións, a “laudatio” de Luís.
Faríadela, estou certo, non só con tan cordial aprezo coma min,
senón tamén probabelmente con maior acerto. Desculpádeme desde xa,
por iso mesmo, erros e omisións que poida cometer nesta miña
disertación e xulgádea, en derradeira instancia, polo propósito
fraterno que a guía e polo calor amical que a dita. Procurarei ser
en todo caso, como o propio Luís ten dito para casos semellantes a
este, un bo chufón ofisial.
Somos
lexión en Cambados, no Salnés, na Galiza toda as persoas de toda
clase, idea e condición que demos con Luís a partir dalgún momento
das nosas traxectorias para encontrarmos nel un amigo insubstituíbel,
un asesor documentado, un colega xeneroso, un activista cívico
lúcido e lúdico, un compañeiro de loita social e nacional
inasequíbel ao desalento, un político coherente e honrado, un
catalizador de boas iniciativas, un bibliotecario competente, un
escritor tan ameno como substancioso, un colaborador magnífico para
mil e un proxectos culturais ou editoriais, ou todas estas cousas por
xunto, e aínda máis.
Somos
lexión os que sabemos que no día de hoxe, indo parar a mans deste
home nacido en Ogrove alá polo 1960, acada novos cumios de prestixio
e de oportunidade (por moito que xa os tivese ben gañados en
edicións anteriores) este premio Ramón Cabanillas dos Libreiros que
honra a todo Cambados e que mantén sempre viva e actuante a memoria
do poeta do vento mareiro e da terra asoballada.
Luís
Rei Núñez, o noso Luís, por riba da familiaridade do seu trato, da
cercanía da súa persoa e da proximidade cotiá que para todos nós
tivo e ten o seu traballo como técnico cultural en Cambados,
constitúe en realidade, e cómpre que se diga con toda clareza nun
momento solemne coma este, unha figura intelectual e cultural de
enorme valía e de extraordinaria relevancia, que trascende o Olimpo
dos deuses locais e comarcais para situarse con lugar de seu nos
nomes imprescindíbeis para achegarse e coñecer algunhas das liñas
máis valiosas de desenvolvemento do activismo cultural galego das
últimas décadas.
Non
pensedes que a veterana e fonda amizade que me une a el me está
levando ao esaxero nestas palabras. É realmente así, e voume
permitir explicarvos por que, brevemente, facendo en voz alta
exposición de cinco grandes razóns fundamentais.
En
primeiro lugar, porque Luís é, sen ningún xénero de dúbidas,
o mellor e máis completo estudoso e coñecedor da vida, da
traxectoria e da obra literaria dunha figura tan maiúscula e
ciclópea como a de Ramón Cabanillas.
Éo
el, que non gastou nin gastará pomposos títulos académicos nesta
Galiza nosa que ten tres universidades, unha real academia, un centro
ramón piñeiro e tropecentas entidades e fundacións culturais
máis... Nin os sabios máis sabios das nosas letras, ben devotos
todos eles de Don Ramón (poñamos un Carballo Calero, un Alonso
Montero...), nin moitos traballadores incansábeis e entusiastas no
estudo e na divulgación da súa figura e obra (poñamos un Millán
Otero, un Ramiro Fonte, un Carlos López Bernárdez, un Xosé Ramón
Pena...), foron quen de levar adiante con toda plenitude a tarefa
que, gratis et amore, se autoimpuxo Luís durante case dúas
décadas enteiras. Unha tarefa que culminou cun éxito e cunha
brillantez tal, que quedará inscrita para sempre nos anais da
investigación literaria no noso país. Velaí a está,
maxistralmente plasmada, no volume Ramón Cabanillas. Crónica de
desterros e saudades.
Nese
libro, editado por Galaxia en 2009, Luís soubo reconstruír coma
ninguén, con rigor, exhaustividade, lucidez analítica, amenidade e
mesmo humor, a figura inmensa do autor de No desterro. Se
faltase ese volume nalgunha das vosas casas, non deixedes pasar un
día máis sen correr á libraría para facervos con un exemplar,
pois levaredes para o andel da vosa biblioteca un dos libros
ensaísticos máis importantes e ben escritos que se teñan
confeccionado nunca nas nosas letras e un dos tesouros literarios dos
que Cambados poderá presumir con orgullo xa per saecula
seculorum.
Para
chegar a esa monumental reconstrución do devir humano, ideolóxico e
literario do poeta de Fefiñáns, Luís Rei contou sempre con moitas
mans amigas na tarefa, entre as que me vou permitir citar nada máis
que algunhas poucas, a xeito de mascaróns de proa dun barco de
adegas cargadas de axudas xenerosas e que dispuxo sempre, por sorte,
de abondosa tripulación: Xosé Luís Vila Fariña, Paco Fernández
Rei (Paco de Xenxa), Xoán
Antonio Pillado e algúns descendentes e familiares de D. Ramón,
nomeadamente Pitusa e Encarna Vidal Cabanillas.
Mais
aínda con esa xenerosidade de tantas persoas dando vento portante
nas velas, Luís tivo que facer el soíño, así e todo, un esforzo
investigador verdadeiramente fóra de serie, cunha paciencia
beneditina, cunha capacidade analítica impresionante e cunha
constancia e sacrificio de formiga obreira que explican, en
derradeira instancia, o amor de lume lento, a destilada materia e o
rigor de orfebre que traslocen as páxinas desa extraordinaria
Crónica de desterros e saudades. Nunha entrevista con Xan
Carballa para o semanario A Nosa Terra, hoxe xa historia, o
propio Luís resumía do seguinte xeito os esteos en que afincou ese
seu traballo, verdadeiramente inxente e exemplar:
“Botei máis de vinte anos
xuntando papeis. A partir da aparición, da man de Xoán Antonio
Pillado, de El Cometa, unha revista satírica do Cambados de
1910, empecei a querer divulgar un aspecto descoñecido de
Cabanillas: o cambadés anterior á súa gloria de escritor. Outro
momento decisivo foi a aparición das cartas da República, da man de
Pillado tamén, porque eran dirixidas ao seu avó. Daquela aparéceme
un Cabanillas disidente dos seus amigos de sempre e vitalmente
afundido. No 2001, despois dunha exposición dos facsímiles destas
cartas, xa me decidín. Roberto Vidal Bolaño veu vela e diante dos
paneis imitaba a Cabanillas e daquela falamos da posibilidade de
facer unha obra de teatro musical que levamos adiante despois da
morte de Bolaño (Camiño longo. Entre as roseiras de Cabanillas).
Desde 2003 xa estiven empeñado na escrita e foi cando empezaron a
aparecer de continuo materiais”.
Evidentemente,
para chegar ata ese cumio, a ese 8.000 dito sexa en termos
alpinísticos, Luís realizou moitas escaladas previas preparatorias,
que deixaron un ronsel de traballos a cada cal máis revelador no seu
momento, ben polas informacións novidosas que achegaban, ben pola
maneira anovadora e orixinal de ofrecer, con frescura e mesmo humor
sen merma da rigorosidade, as descobertas que encerraban.
No
ano 2000 debruzábase xa Luís sobre a especial relación existente
entre a obra do poeta e a súa vila natal no artigo "Cabanillas
en Cambados, a forxa dun poeta", recollido na revista Pontenorga
(nº 2, 2000, Deputación Provincial de Pontevedra) despois dunhas
xornadas celebradas en Exposalnés.
Pouco
despois, en colaboración con Xabier Camba, daba ao prelo Ramón
Cabanillas, xornalista cambadés
(2001), con edición facsimiliar dos xornais periódicos El
Cometa e
El Umia.
Algo máis tarde, despois de acordalo co inesquecíbel e irrepetíbel
teatreiro galego Roberto Vidal Bolaño, Luís confeccionou a peza
Camiño
longo (Entre as roseiras de Cabanillas) [2004],
que puxo en escena en moitas localidades, aínda que xa sen o
concurso do autor de Saxo
tenor ou
Rastros,
a compañía “Teatro do Aquí”, dirixida
por Belén Quintáns e composta por un elenco de actores e actrices
verdadeiramente magnífico: Miguel Varela, Luís Iglesia, Rubén
Ruibal, Xoán Carlos Mejuto e Lucía Regueiro. A “banda sonora”
desta peza, inspirada en fermosos versos do de Fefiñáns, veu da man
de músicos como Javier Debesa, Cándido Lorenzo e Xabier Camba.
Non
se detivo con esta peza a odisea investigadora e a ansia divulgadora
cabanilliana de Luís. E así, en 2006, revelábanos por vez primeira
aspectos esenciais, algúns ben problemáticos por certo, da
traxectoria humana e ideolóxica do poeta de Fefiñáns no ensaio
"Ramón Cabanillas: a disidencia republicana", que editou
en dúas entregas (nº 67 e nº 68), a revista A
Trabe de Ouro, dirixida
por Méndez Ferrín e da que é secretario Paco
de Xenxa.
Do mesmo xeito, en outubro de 2008 disertaba sobre o poeta nas “I
Xornadas Cabanillas na escola”, organizadas pola Asociación de
Ensinantes do Salnés “Candea” e ao ano seguinte achegaba para un
catálogo sobre a relación do poeta cos artistas do seu tempo o
traballo “Ramón Cabanillas na Catedral
da Arte”.
Cando
xa estaba ultimando para a editorial Galaxia, coa miña humilde axuda
nalgúns pormenores, a súa Crónica
de desterros e saudades,
que se presentou finalmente ante un público multitudinario no Pazo
Torrado o 28 de xullo de 2009, Luís, xunto
co propio Paco
de Xenxa e
contando co patrocinio do Concello de Cambados, articulou ao longo
dese ano, co gallo de se cumprir o cincuenta cabodano do pasamento do
poeta dos Camiños
no tempo,
a celebración dun tan intenso como fermoso e completo Ano
Cabanillas, de feliz memoria para todas as persoas que tivemos a
sorte de colaborar nel e poder vivilo en toda a súa intensidade.
No
contexto dese ano foron tantas e tan variadas as actividades
desenvolvidas que ben se pode dicir que poucas vilas do país
honraron en época recente con semellante intensidade e calor popular
un seu escritor. A man de
Luís, canda a de Paco, estivo efectivamente detrás de practicamente
todas as actividades despregadas, fose asesorando o roteiro
caballiniano que moitos fixemos guiados pola sabia man e a incansábel
verba do mestre Manuel Núñez ou as postas en escena e lecturas
teatralizadas que algúns colectivos fixeron de varias producións do
coautor de O Mariscal;
fose promovendo un inesquecente recital poético cos integrantes das
Redes Escarlatas; fose articulando e comisariando de
facto unha
magnífica exposición no Pazo Torrado do Museo de Pontevedra sobre
“Cabanillas e os artistas galegos do seu tempo”; fose preparando
a edición dunha escolma do Cabanillas máis cambadés para reparto
gratuíto a todos os veciños e veciñas co título de Roteiros
pola poesía de Ramón Cabanillas;
fose confeccionando unha antoloxía para Factoría K, con preciosas
ilustracións do artista Anxo Pastor; fose, en fin, tomando parte nos
actos solemnes que a Academia Galega celebrou en novembro de 2009 en
honra a Cabanillas, baixo a presidencia de Xosé R. Barreiro
Fernández: unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres en
Compostela, outra no paseo da Calzada na tarde do sábado 14 de
novembro e unha inesquecíbel sesión plenaria extraordinaria,
literario-musical, ese mesmo día na Xuventude, na que Luís fixo as
veces de presentador e a miña filla Aloia as de rapsoda, unindo as
súas voces ás dos académicos Salvador García-Bodaño, Margarita
Ledo, Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Francisco Fernández Rei
e o presidente Barreiro Fernández. O gaiteiro Xaquín Xesteira, luxo
e honra da música cambadesa actual, interpretou aquela xornada o
hino galego para fechar solemnemente ese emocionante acto.
No
mesmo 2009 Luís Rei aínda elaborou e comisariou para a editorial
Galaxia, con motivo da edición da súa propia biografía do poeta de
Fefiñáns, a exposición “Ramón Cabanillas. A roseira dos
recordos”, que percorreu numerosos lugares da xeografía galega
durante varios meses, proxectando con forza a efeméride que tanta
actividade cultural marabillosa e irrepetíbel foi quen de concitar e
suscitar.
O
propio Luís conferenciou sobre Cabanillas chamado por numerosas
entidades de todo o país: no Concello de Moaña nun acto organizado
pola Agrupación Cultural Nós (20.11.2009), na Casa Galega da
Cultura de Vigo (13.1.2010), etc. Na
prestixiosa revista galega de cultura Grial
deu a coñecer en 2010 (nº 185) o artigo “Cinco poemas pouco
coñecidos de Ramón Cabanillas” e escribiu asemade o ensaio
“A Obra Completa de Ramón Cabanillas. Outro cincuentenario das
angueiras de Blanco Amor” para facer parte do volume EBA
5.0. O universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois de A Esmorga,
publicado pola Difusora de Artes, Letras e Ideas ourensá.
Con destino a unhas Xornadas celebradas en Ourense preparou en 2011
igualmente o relatorio “Faustino
Santalices e Ramón Cabanillas, dúas almas xemelgas”.
Os
serios problemas de saúde que asaltaron e afectaron a Luís despois
da intensa xeira que veño de recordar supuxeron unha obrigada
paréntese tanto no seu quefacer profesional como no seu laborar
arreo no estudo e na difusión do noso poeta.
Aínda
non ben recuperado, retoma nos últimos tempos esa vertente e por iso
gozamos da súa palabra e presenza en actos culturais ben fermosos
celebrados en Cambados en datas recentes, como a presentación,
en agosto de 2014, da tradución ao xaponés dunha escolma de poemas
de Cabanillas feita por Takekazu Asaka ou, en outubro dese mesmo ano,
no acto en que a profesora rusa Elena Zernova nos falou das
traducións de Cabanillas e doutros moitos autores da nosa literatura
ao ruso. Presentado pola miña compañeira Isabel estivo hai uns
meses tamén dando unha conferencia nas ribeiras do Tea sobre a
relación entre Cabanillas, o Balneario de Mondariz e o empresario
galeguista Enrique Peinador. E antes de ser atacado de novo pola
maldita enfermidade que semella non querer deixalo en paz, Luís
acaba de culminar hai apenas unhas semanas a ordenación e
catalogación dese legado documental extraordinario sobre Cabanillas
do que a familia fixo depositario ao concello de Cambados e que, en
breve, poderá estar ao dispor dos innumerábeis admiradores e
investigadores da figura do bardo de Fefináns.
Unha
segunda razón
pola que a figura de Luís trascende enormemente á do simples veciño
e amigo que é para todas e todos nós reside no feito de que
encarna, tamén sen ningún xénero de dúbidas, unha das referencias
indispensábeis que cómpre facer á hora de falar do potente
movemento que desde hai anos vén funcionando no noso país para a
recuperación, dignificación, investigación e difusión da cultura
marítima e fluvial.
A Federación Galega pola
Cultura Marítima e Fluvial naceu nun encontro de embarcacións
tradicionais en Ribeira no verán de 1993 e constituíuse legalmente
ao ano seguinte, fixando a súa sede precisamente en Cambados, onde
moraban tres das persoas fundadoras do Grupo Etnográfico Mascato,
que xogou un papel fundamental na articulación da citada Federación:
Dionisio Pereira, Lola Varela e, como non, Luís Rei.
A Federación irá medrando
paseniñamente desde aquela data e agrupando ata medio cento de
entidades, algunhas delas fluviais e varias do irmán Portugal, e
celebrará cada dous anos os seus Encontros de Cultura Marítima, con
carácter itinerante: Ribeira (1993), Coruxo (1995), Ogrove (1997),
Rianxo (1999), Poio (2001), Illa de Arousa (2003), Cambados (2005),
Ferrol (2007), Muros (2009), Vilagarcía-Carril (2011), Serra de
Outes (2013)... En todos eles e de moi variados xeitos, ademais,
arrimou o seu ombreiro xigante Luís, como activista, como técnico,
como dinamizador ou como programador, sen renunciar ao pracer de
navegar, de conversar, de botar uns risos e de acabar esas intensas
xornadas de camaradaxe e salitre cos consabidos cánticos
efervescentes de cervexa ou viño, que auga non bebo, mirá, mira
Maruxiña, mirá... Vós xa me entendedes.
Cambados
débelle particularmente a Luís, neste sentido, a celebración no
verán de 2005 dun Encontro (o VII) e dunhas Xornadas de Cultura
Marítima que co seu palangre de conferencias, recitais, debates,
exposicións, presentacións de libros, recreacións de actividades
na ribeira, navegacións e travesías, visitas ao Serrido coas
mariscadoras de Guimatur e presenzas moi destacadas, entre as que me
permitirei recordar a do historiador Ramón Villares e a dos
escritores Manuel Rivas, Bernardino Graña, Xosé Vázquez Pintor ou
Ana Romaní, entre moitos outros (sen esquecer os da “casa”:
Moncho Caride, Tabuyo, Xosé Mª Vila Ribadomar, Manuel Seixas,
etc.), fixeron da vila do Albariño un porto de referencia
imprescindíbel para todos os amantes dos barcos tradicionais e da
cultura mariñeira.
Esas
Xornadas, nas que Luís se volcou cunha fortaleza que deixou pálida
a do seu admirado Taurus dos cómics do Jabato
que lía entusiasmado cando meniño, contaron na ponte de mando con
outros ilustres cambadeses: Paco de Xenxa, na cabeceira do seu comité
organizador, canda o director do Museo do Mar de Alcabre, Pablo
Carrera; Xaquín López Cuíñas, á fronte da propia Federación
Galega no seu conxunto; e, por último, Fernando Piñeiro, presindido
o Clube Mariño Salnés, que correu con moito do traballo “de
fontanería” que un evento así require necesariamente.
A
Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, contando sempre
con esa cualificada achega altruísta de Luís, fará informes,
asesorará museos, montará exposicións e actividades de divulgación
do patrimonio material e inmaterial vinculado ao mar, rehabilitará e
recuperará embarcacións tradicionais, acudirá a encontros de
cultura marítima noutras latitudes (Euskalherría, Países Cataláns,
Andalucía, Bretaña...), abrirá unha páxina web, publicará
sucesivas edicións do volume
O patrimonio marítimo de Galicia,
editará o boletín informativo O
Apupo
e botará desde 2004 aos mares de tinta ata sete números da revista
Ardentía,
na que, poderiamos dicir, Luís exerceu de experimentado capitán,
Paco de Xenxa de competente contramaestre e un servidor fixo como
boamente soubo un pouco de todo, sen deixar de ser nunca grumete ou
chó,
como lle dicían na miña terra aos rapaciños que se ocupaban de
manter os traiñós en condicións e de chamar na madrugada polas
tripulacións, rúa por rúa e casa por casa, ao cruel berro
despertador de: “Fulano! Pó
mar!”.
A
colección dos sete números de Ardentía,
a carón de artigos escritos desde variadas perspectivas
(antropoloxía, etnografía, socioloxía, economía, historia,
memoria...) por unha nómina escolleita e moi plural de colaboradores
(Calo Lourido, Mariño Ferro, Ivone Magalhães,
João
Baptista, Bernardo Máiz, Dionisio Pereira, Ernesto López Naveiras,
Esperanza Piñeiro, Andrés Gómez Blanco, Chisco Fernández Naval,
Ernesto Parada, Lola Varela, Luís Teira, Manuel García Sendón,
Carme Hermida Gulías, Xosé Manuel Vázquez Rodríguez, Martina
Betanzos, Xosé Lois Vilar, Toni García, Orlando Viveiro, Lois
Ladra, Marcelino Abuín, Manuel Pérez Rúa, Gumersindo Mosteiro,
Celestino Pardellas, Susana Rial, Xavier Brisset, Pedro García
Vidal, Xaquín Lores, Fernando Salgado....) e a carón de materiais
gráficos, fotográficos e pictóricos realmente exquisitos (Eduardo
Baamonde, Conde Corbal, Ruth Matilde Anderson, Ernesto Goday, Ramón
Dimas, Abelardo Miguel, Anita Conti, José Suárez, Maribel
Longueira, Lino Prieto, Balbina López Santos, Cancelo, Sole Rei,
Lema Suárez, Prudencio Canitrot, Eduardo Blanco Amor...) atesoura
tamén lúcidos e incisivos editoriais de Luís baixo o rótulo de “A
Atalaia”, algúns artigos da súa autoría individual, como o
titulado “Sobre o leste duro e outros ventos mareiros (bolinando no
mar de Cabanillas)” que se publicou no número nº 5, e outros
feitos en colaboración con Paco e comigo mesmo, como “Fálame de
barcos...” (nº 2). En todo caso, é de absoluta xustiza consignar
aquí que sempre a revista navegou seguindo as cartas marítimas do
capitán Luís e que sempre botou redes nas postas que marcou
previamente a súa sabia man. De aí o resultado, claro, que
inmodestamente (pola pequena parte que me toca) me atrevería a
cualificar como excelente para unha revista de cultura galega do noso
tempo.
Tamén
deixou a súa impronta Luís na outra publicación animada pola
Federación, esta máis ben como boletín interno, O
Apupo,
onde recordamos un “caderno de bitácora” seu (nº 7, outubro de
2004) que constituía unha
completa e amena crónica da viaxe dunha expedición da Federación
Galega ao encontro de embarcacións de Dournenez, na Bretaña,
celebrado en xullo de 2004. Tamén no mesmo boletín adiantou (nº 8,
marzo 2005) un “Manual de uso para tripulantes” de cara á
celebración en Cambados do VII Encontro da Federación.
En
marzo de 2006, Luís participaría como relator nas Xornadas sobre
Patrimonio Marítimo celebradas en Oleiros e deleitaría aos
asistentes co texto “Unha ollada desde a historia ao noso
patrimonio marítimo”, en que repasaba de maneira tan
necesariamente breve como amena e deliciosa o desenvolvemento
histórico da actividade marisqueira e pesqueira nas costas e mares
da Galiza desde a Prehistoria aos nosos días.
No
volume Tendendo
cabos,
editado polo Museo de Mar de Vigo en 2007, Luís achega igualmente o
seu artigo “Mar e lecer”, ao que pertence este fragmento que vou
ler a seguir, que traio a colación para que reparedes como para el,
igual que para grandes historiadores do noso mar como Dionisio
Pereira, Calo Lourido, Staffan Mörling, Ivone Baptista, Fernández
Rei, Alonso Romero e tantos outros, o coñecemento e a divulgación
da nosa cultura marítima nunca quixo ser sinónimo de ocultamento,
edulcoración ou mistificación folclorista (no peor sentido desa
palabra tan fermosa, “folklore”), senón revelación completa,
crónica verdadeira, testemuño fiel. Quen, coma é o caso de Luís,
naceu escoitando ondas e ghavotas e tivo na casa por pais un
mariñeiro afouto que tivo que faenar nas augas xélidas de Terranova
e unha pescantina/mariscadora afeita aos fríos, ás guelras e aos
salitres, e quen, coma el, na propia adolescencia gañou as primeiras
pesetas indo ao mar, ghastando estrobos e curtindo cos ventos a cara,
mal podía formar no batallón dos que quererían cantar só a beleza
ocultando a dureza e maila pobreza, por moitos séculos inseparábeis
do vivir das xentes dos nosos mares:
“É tan apreciada a
beiramar para o gozo do ocio que estamos ficando sen ela, soterrándoa
baixo millóns de metros cúbicos de formigón e ladrillos. Estamos
matando as praias de tanto que as amamos. Como contar, logo, que as
cousas non sempre foron así, que gozamos do mar, en termos
históricos, desde antonte? Pois o certo é que o mar foi ollado
durante moitos séculos como un medio inseguro, húmido e
descoñecido, con ondas que deitaban na mallante das praias estrume e
magas de peixe dispostos a apodrecer e ser esterco, porta taberta
para pestes e piratas, lugar dos naufraxios e morada das cocas e
outros monstros. A maior parte dos nosos devanceiros sentiron ante o
mar inseguridade e desacougo”.
Paco
de Xenxa, Xaquín Lores, Lino Prieto, eu mesmo e Luís Rei
elaboramos, en fin, unha preciosa Axenda do Mar 2008 para a
consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, que logo gabou
xenerosamente Méndez Ferrín nas páxinas do Faro
de Vigo
e que serviu, xunto con outros proxectos como o programa NaBeira,
o
periplo do Barco da Memoria e a posta a punto do Museo de Mar en
Alcabre, para reforzar aínda máis se cabe a boa imaxe da nosa
cultura na Feira Internacional de Cultura Marítima de Brest
(Bretaña), evento no que Luís volveu ser un dos corazóns que con
máis forza latexaron dentro da nutrida e entusiasta delegación
galega.
Unha
terceira razón
da extraordinaria relevancia de Luís Rei (e agardo que a estas
alturas do meu discurso, que xa vai enfiando o seu final, ninguén
das persoas presentes siga pensando que esaxeraba hai uns minutos
cando me expresaba en termos tan tallantes na medición da súa talla
intelectual) reside na súa traxectoria profesional como técnico de
cultura, que ninguén mellor que os propios cambadeses, sexan de
nación ou de adopción, podemos certificar.
Na
Galiza dos últimos trinta e cinco anos, a carón de nomes como o de
Manolo Pérez Rúa, técnico cultural de Moaña, e o de Xabier Camba,
en Vilagarcía, só por citarmos algúns referentes, Luís Rei tense
significado como un dos profesionais de maior valía, constancia,
compromiso e bo facer neste eido. Reparade non só no carácter
pioneiro que tivo a súa participación decisiva na posta en marcha,
aló polos anos 80, do colectivo “LandRover”, senón tamén, e
sobre todo, no seu magnífico traballo á fronte da biblioteca
municipal de Cambados nas diversas localizacións polas que ten
pasado nos últimos lustros; nas innúmeras magníficas pezas de
teatro, tanto infantil como adulto, que nos trouxo Luís como
programador; e, así mesmo, na pléiade de actos culturais de todo
tipo e c0ndición que promoveu directamente ou organizou como
técnico: conferencias, recitais, xornadas, exposicións, sesións de
contacontos, certames, concursos, presentacións de libros, etc.,
A
comezos dos anos 90 encargouse especificamente da posta en marcha dun
Centro de Documentación Local, para reunir, clasificar, catalogar e
dar uso e divulgación a todos os elementos do patrimonio cultural
cambadés e xuntar bibliograficamente todo o que se escribiu de,
desde, para, por, sobre ou en
Cambados.
Luís
foi
“alma mater” ou elemento imprescindíbel dalgúns dos eventos
culturais máis relevantes vividos na vila do Albariño nas décadas
precedentes. Refrescarei a memoria dalgúns deles: en 1997, as
xornadas “Modernos e malditos”, pioneiras á hora de reivindicar a valía
do poeta Lois Pereiro, máis tarde obxecto de homenaxe no Día das Letras
Galegas; en 2003, a exposición “Plácido
Castro. O Compromiso cunha Galiza universalista”, en colaboración
con Xavier Camba; en 2005, a estrea polo Centro Dramático Galego no
IES Asorey dunha versión da peza teatral O Mariscal,
de Cabanillas e Villar Ponte, debida a Marcelino de Kukas; en 2011, a proxección do documental de
Antón Reixa sobre Maruja Mallo e a presentación dunha biografía
parcial da pintora, da que eu mesmo fun coautor; e aínda en datas
moi recentes a fermosa e merecida homenaxe ao pintor cambadés Lino
Silva.
Pódese dicir que moitos dos
traballos que asinaron persoas como Antón Mascato, Maribel Iglesias, Adela Leiro,
Manuel Núñez, Jacobo Domínguez e tantos outros intelectuais e
educadores de Cambados e moitas das actividades dos centros de ensino
e de colectivos como “Candea”, “Unha Grande Chea”, “A Santa
Compaña”, “Caracol”, “Xironsa” e un longo etcétera teñen
débeda recoñecida de asesoramento, orientación, axuda, ou das tres
cousas á vez, con Luís.
O
seu mérito aínda se agranda máis cando consideramos
unha cuarta vertente do
seu quefacer, onde brilla tamén a súa figura con forza e
orixinalidade propias. Refírome, xa o supoñeríades, a ese labor
que leva exercendo durante décadas como constante, documentado e
ameno divulgador en revistas, xornais e todo tipo de publicacións
populares das múltiplas vertentes, facetas e figuras da vida
histórica, social e cultural de Cambados, do seu Ogrove natal e do
Salnés, en xeral.
Durante
o 2006, ben o lembraredes, publicou unha sección no suplemento
mensual “Máis Cambados” do Faro de Vigo (edición
Arousa), titulada “Tópicos e pretextos para unha historia de
Cambados”, que alguén debería reunir e editar como libro canto
antes para que puidese estar ese tesouro de memoria ao dispor das
novas xeracións de cambadeses. Desde hai tempo colabora tamén coa
revista Sustansia, que
se edita na vila meca, con artigos na mesma liña de glosar con
amenidade e humor non exentos nunca do necesario rigor documentado
feitos, anécdotas, sucesos e figuras da historia e da memoria
comunal máis próxima.
Luís
foi quen preparou e coordinou as exposicións e posterior edición en
dous volumes de fotografías antigas sobre a vila do Umia: Cambados:
dos tempos idos (Gráficas Salnés, 1990) e Cambados, século
XX (Gráficas Salnés, 2000). Foi axudado na montaxe deses
traballos, como en tantos outros da mesma índole posteriores, por
Xavier Camba e polo chorado Roberto Camba.
Limiares
para revistas dos centros de ensino como Enórmic, entrevistas
para esas revistas, como Bardos do IES Bouza Brey, charlas en
numerosos colexios... En 2010, publicou un texto intitulado “O que
non sei foi co vento” no volume Mecos. A memoria dos homes,
editado polo EDNL do IES As Bizocas, baixo a coordinación de
Patricia Arias Chachero e de Antón Mascato García. O texto de Luís,
emotivo, ocorrente e precioso coma poucos, contén fragmentos como
estes, que seguramente coñeceredes mais que non me resisto a
compartir convosco de novo:
“Cando o tempo da mocidade
da maior parte dos mecos deste libro xa esmorecía tamén eu aprendín
a axexar os xeitos de vida, para o bo e para o malo, mirando con
atentos ollos de neno desde detrás dun mostrador a mulleres e homes
gobernando o seu vivir. Algúns eran conscientes do seu labor
educativo, como un bo home que sempre me dicía:
Si, Luisiño, si. Cando
eu morra quero ir pró inferno, que no “sielo” non hai máis que
vellas e miniños de teta, e no inferno vaiche estar Fidel Castro e
máis Juana Mancaria bailando en pelotas.
Aínda hoxe non sei quen era
Juana Mancaria de tan suxestivo danzar, pero podo xurar que foi unha
muller importante na miña infancia.... Como arquetipo”.
Precisamente
no texto de presentación dun deses volumes citados, Cambados: dos
tempos idos, aínda que figure como anónima, a man de Luís
estampou unha lúcida reflexión sobre o valor da historia local que
cómpre traer a colación nos tempos que vivimos, sequera sexa porque
estamos en vésperas de comicios municipais e a algunhas persoas
candidatas lles pode resultar útil a reflexión pensando no
inmediato porvir:
“Hoxe o entorno máis
cercano é o primeiro en estudiarse e a historiografía local pasou
de ser materia de traballo de eruditos solitarios para ser tarefa
colectiva (por suposto o traballo individual será sempre
imprescindible) e ilusionante da comunidade. Xa sabemos que as
pirámides non as fixo un faraón senón un povo e que os
protagonistas da historia de Cambados non foron unha ducia de
ilustres senón todos os veciños co traballo e co lecer,
construíndo, cultivando e navegando. Sen embargo, a uniformización
cultural que padecemos producto do poder dos grandes medios de
comunicación fai que corramos o perigo de perder para sempre parte
do legado cultural que nos deixaron os devanceiros e recuperalo é
unha necesidade urxente”.
E
cómpre
considerar, finalmente,
moitos outros traballos e participacións de Luís que non responden
ou encaixan en ningún dos catro focos de interese xerais que acabo
de repasar, pero que contribúen igualmente á relevancia do seu
contributo global para a cultura de noso.
Refírome,
por exemplo, ao seu artigo revelador sobre as orixes da celebración
do 25 de xullo como festa da galeguidade -publicado co título de
“Non é en honor do Patrón (sobre as orixes e antecedentes do Día
Nacional de Galiza)” no número 82 da revista, xa citada, A
Trabe de Ouro,
en 2010 -; ou ás súas investigacións aínda inéditas sobre a
figura de Basilio Álvarez, tan vencellada á de Cabanillas, e tamén
sobre o, disque, fillo bravo do abade de Beiro, o dramaturgo
galaico-arxentino Gerardo Ribas; ou ao relatorio sobre “O xornal
Galicia Nueva
e os galeguistas” que preparou para unhas xornadas sobre a figura
de Xosé María Díaz Castro celebradas no IES Fermín Bouza Brey de
Vilagarcía en outubro do pasado ano.
Entraría
na conta do seu haber, como non, o seu traballo comprometido como
defensor da natureza, el que foi, debe salientarse, o primeiro
presidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e que figura, ademais,
como colaborador, levado pola miña humilde man, na nómina de
articulistas da revista ecoloxista Cerna,
onde escribiu en 1996 sobre “O conflito da praia da Lanzada” (nº
17).
E,
por suposto, en vésperas da festa máis grande do noso idioma, non
podo eludir a referencia ao seu probado e entregado amor pola lingua
de noso, tan constante como exemplar e que se pon de manifesto, por
centrarnos só no máis recente, na súa participación nalgúns
actos emblemáticos. Así,
en novembro de 2009, está presente na chamada “Declaración de
Mondariz-Balneario”, organizada pola plataforma “Galeguizar
Galicia”, en homenaxe a Cabanillas no 50 cabodano do seu pasamento.
Nesa ocasión, os rexedores de Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Moaña,
Mos, Redondela, Silleda e Mondariz-Balneario (concellos todos eles en
que Cabanillas exerceu como funcionario municipal nalgún intre da
súa vida) comprometéronse a incorporar e potenciar o uso do galego
na administración local e a promover a cultura na nosa lingua.
Estivo
Luís tamén, en febreiro de 2010, en Ogrove na presentación (que se
fixo simultaneamente en 63 localidades de todo o mundo, entre as que
non faltou Cambados, onde interviñemos Paco de Xenxa, Pilar Ponte e
un servidor na Libraría Cabanillas) do volume 55 mentiras sobre a
lingua galega, editado por Laiovento e promovido pola plataforma
Prolingua, baixo a coordenación do profesor da Universidade de Vigo
Quique Costas. Ese libro editouse para facer fronte á enxurrada de
prexuízos e hostilidades contra o galego postos de novo en
circulación desde aqueles días ata hoxe mesmo por determinados
partidos políticos e por determinadas asociacións disque
“bilingües” que máis ben semellan “bífidas”, tal é o
veleno que deitan cada vez que falan sobre o noso dereito a vivirmos
en galego na propia Terra do galego...
Todas estas facetas de Luís
Rei (e aínda outras que, límite de tempo obriga, fican
necesariamente no tinteiro) trouxérono ata este Auditorio hoxe para
facelo completa e absolutamente merecente coma poucos de recoller un
premio que encerra no nome que soporta e na data da súa entrega dúas
inmellorábeis razóns de xustiza e oportunidade.
Non lle roubarei máis tempo
á vosa paciencia, que agradezo en todo caso, e vou rematar esta
chufasión ofisial cumpríndolle un pequeno capricho ao
benquerido Luís.
Non poucos lembraredes que
cando me entregaron a min na 8ª edición, tal día coma hoxe, este
premio, Luís, por estar daquela en París de Francia coa familia e
non poder acudir ao acto en persoa, enviou un texto que leu por el
(quen se non?) Paco de Xenxa. E nese texto, cheo de cariño e de
humor, Luís non só propuña que me desen a cruz de ferro ao mérito
cultural cambadés por, sendo como dixo Paco “heroico soldado de
Viveiro a traballar ás ordes dun cabo furriel do Grove”, ter
ordenado aló polo curso 95/96 a papelada toda do Centro de
Documentación Local cando aínda estaba a Casa da Cultura no
edificio da Rúa Nova, senón que me tiraba tamén un pouco das
orellas por dedicar demasiado tempo á investigación literaria e ao
traballo docente e deixar abandonada a musa poética... Pois ben,
benquerido camarada e inmenso amigo Luís, velaquí tes, como o
mellor agasallo que che podo ofrecer hoxe, un “pobre enxedro”
desa musa retomada que che dedico con toda a alma. Titúlase LUCES
QUE FULGURAN e di así:
LUCES
QUE FULGURAN
Para
Luís Rei, amigo, camarada, irmán
Agárdanos
a todos o día
en
que debamos converternos
en
luces que fulguran na néboa,
soas,
coa
única ilusión de orientar as travesías,
dende
lonxe,
daqueles
que han ser carne da nosa carne
pola
historia fóra.
O
tempo vainos convidando, andar de boi,
a
nos perdermos polo ronsel de popa
- xa
foron os días de aturar rexamente
bategadas,
pantocadas, vendavais -
e as
manobras van adoptando
un
ar preludial de recalada ou desembarco.
Contra
a dureza cruel, porén,
deste
destino que asexa inexorábel,
querendo
convertelo todo en cinza,
érguense
maxestosos e puros
tesouros
labrados no decorrer dos días:
ansias
convictas de exemplaridade,
desafiantes
proclamas contra a submisión,
risos
e bicos frescos apañados
nas
bocas cálidas que máis quixemos,
traballos,
loitas, sacrificios
que
despregamos, ilusos e teimudos,
sobre
un lenzol de entregas
en
horas sen taxa
para
darmos iluminado un algo
os
escuros subterráneos
en
que se extravía por veces a vida
ou
para desvelarmos,
intrépidos,
rebeldes e únicos,
teselas
ata entón opacas da nosa identidade.
E
todo isto será o que quede,
concluso
pero firme,
mentres
camiñamos cara ao silencio repleto
sabéndonos
rumor incensante
a
borboriñar nos oídos do futuro,
candea
ou farol perpetuo na néboa
en
que han de se ver mergullados igualmente,
noite
e vida adiante,
os
argonautas que veñen
incesantes
atrás
de nós.
O texto roubámolo do blog A Ínsua do Ínsua, que suponhemos nos dá permiso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
a falar a xente se entende