martes, 8 de outubro de 2013

Grande Concurso de Ideas

Hoxe andaron polo noso local da Praia da Canteira representantes do Concello e da Deputación. Salva exerceu de anfitrión e ensinoulles o estado das nosas instalacións. E chegou o compromiso local e provincial de que no 2015 ighual hai (haberá que velo) novo edificio de usos náuticos.

Porén, estamos no 2013... e chega o inverno...

Así que o patrón maior da escola, Salvatore, ven de convocar un grande concurso de ideas, non para desenhar a casa nova (iso deixámolo para as arquitectas), mais para saber que facemos coas dornas...

  • Queres botar un fillo da casa e non sabes como? Dille que che fai falta o cuarto para gardar unha dorna.
  • Non sabes que facer co alboio do churrasco agora que tes alto o colesterol? Aprovéitao para gardar unha dorna (ou dúas).
  • Tes un laranxeiro na horta que sofre coas xiadas? Ponlle unha dorna enriba!
  • A túa sogra ten un local enorme e non lle apetece nada facerse rica alugándollo aos do Gadis? Énchello de dornas!

Temos que pensar maneiras de organizar a invernada das nosas embarcacións. A data final do concurso será o próximo venres, 11 de outubro, ás 17.00 horas. Daquela xuntarémonos no Bao para escoller a mellor idea e botala a andar. 

Hala, a darlle ao caletre!!

E que os temporais do inverno nos pillen preparadas...

1 comentario:

  1. O 11 non podo estar no Bao, pero no caso de necesidade, lonxe da Arousa (en Tomiño) penso que sei dun local que pode dar para albergar unhas 20 dornas (para gardalas, que non para facer mantemento).
    Hugo

    ResponderEliminar

a falar a xente se entende