domingo, 5 de xullo de 2015

Que inchadinha branca vela!

O ano pasado ameazamos: 
Preparádevos, que para o ano, levamos a rebarbadora e dona Rosalía vén con nós para gozar do inchadinhas que ían as velas...  
Pero como dun ano para outro non relemos as entradas deste bló, pois deixamos a rebarbadora na casa e non cumprimos a ameaza. Pena, porque Rosalía había pasalo ben mellor a bordo dunha dorna que agardando por nós no Espolón. 

As nosas dorninhas xa case saben subir soas. Algunhas foron navegando nos días anteriores. Outras decidiran ir de remolque no mesmo sábado. Todas combinaran para xantar en Vilarello. 

As primeiras en chegar... por terra...
E xa un montinho delas agardando o AVE...
A saída estaba prevista para as 16.00 horas. Sabedes (e se non contámosvolo) que no río dependemos en boa medida da maré. E bo adaptarse a ela para navegar, subir canda ela e baixar cando corra para fóra. E a Padrón hai que chegar coa chea, porque senón o río, que xa é máis Sarinho que Sar, queda case en seco, e os temóns entérranse na lama e as quillas no argazo (e non contamos isto porque non nos tenha pasado nunca, eh).
Enfins, que saimos às 16.00.

Alehop! Dorna ao río!!
As convidadas deste ano tinhan tanto medo que quixeron deixar probas de que embarcaban, non fora a ser que chegásemos a Padrón sen elas e coa famosa frase: "ai, na dorna iamos nós soínhas".

Alcalde, anotado, Najla, anotada, Pepe Domingo, anotado...
E nada, a navegar!!

Partiu!!
A ghalerna, ben se ve, era brutal.
As dornas foron levadas pola maré e um vento en empopada que facilitou a subida. O que non agardaban era dar cun estranho fulgor entre as caniveiras xusto ao virar na primeira volta do río...

Ai, caralla! a patrulla da Guarda Civil de Tráfico Dorneiro!!
 4 puntos perdeu a Roxinha por non levar a bandeira real! E 2 a Bazarra por usar estabán de polietireno expandido!

Xusto despois da multa...
As que safaron, moderando a velocidade.
O Ulla é largo e alleo até que encara a boca do Sar. Nese momento estréitase o carreiro e aparecen as pontellas todas e se o vento enreda as velas, a navegación é máis complicada.  Desta vez, o vento acompanhou e permitiu un travesinho até que os paus foron altos demais para tanta ponte. Non é o Sar para dornas (a vela).

Semellando leve gasa que sotil o vento move...
E foi o río un caminho...
... E Najla emocionouse e botoulle o Caminho Branco a Santi e Parada na Forza R ;)



Ai, Viva Rosalía!

Son xigantes? Son muínhos? Son dornas!!
Por fin chegaron as velas inchadas!

E xa en Padrón, o asunto: aquilo do que máis gostamos na ACD DORNA: izar velas ao son do Himno do Antigo Reino da Galiza (ai, o día que nos dea por ACDC).

Piiiiru-pirupirupiiiiiru-piriiiiro-pirupirupiiiiiru
Pooooru-poruporupooooru-porooooro-poruporupoooooru
E despois, remos arriba, isto é un atraco acto de homenaxe!

Rosi, agardando a chegada da rebarbadora...
- Eu tamén navegar... -queixábase polo baixo.

Anxo Angueira, tan abalado que estaba, o bon Anxo na oíra...


As fotos roubámolas no feisbu e no tuicter da Fundación Rosalia e de Dorna. Algunhas son do Doutógrafo @eduardorivo, outras de @marcosDoegal, outras de @AreaSantiagoTmo, outras de Rocío Castro e outras de Xoan Xosé Vicente (ai, se nos falta alguén ou non queredes que usemos as vosas imaxes, avisai!).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

a falar a xente se entende