mércores, 25 de decembro de 2013

Xa é festa na ENT Dorna

O apalpador pasou esta noite pola Arousa e, despois de apalpar as barrighas de todos os nosos barcos, e comprobar que van ben de pintura e alquitrén, deixou para todas vós este vídeo, elaborado por Lauro, e que representa os desexos da ENT Dorna para o próximo ano. 
Veu cargado o apalpador, tamén, dunha manchea de bicos e apertas para a Laverca de Bea, que xa lle podedes ir dando.



ENT POSTAL DE NAVIDAD from laurofcastro on Vimeo.

sábado, 7 de decembro de 2013

A Mudanza na prensa

A imaxe roubámoslla a Iñaki Abella, que agardamos non se enfade.
Hoxe no FarodeVigo adican unha reportaxe á nosa mudanza. Nós xa sabiamos que algho farían, porque o senhor redactor até axudou a carrexar dornas. E aí podedes ver unha panorámica  do megalocal que nos deixaron para as embarcacións. Porque o FarodeVigo ten cámaras e fotógrafos con xeito, non como este bló.



venres, 6 de decembro de 2013

De mudanza

Grande tarde de traballo, ou tarde de grandes traballos, segundo se mire!

Às 15.30, hora carcamá, xa había un bo lote de xente no Bao, debatendo como organizármonos para acabar antes de chegar a noite. Que ben se nos dá debater!

Xa nos sae colocarnos para facer asemblea por intuición!
Este, o traballo do día: carretar todas estas dornas ao local novo.

Organizamos dous grupos de paleadoras, un no Bao a palear dornas parriba, e outro no Naval a palear dornas pabaixo. No medio, tres choferes para tres carros.

A Raposa foi a primeira en embarcar (mentres o amo andaba ao palique).
O Ro preparaba Caramecha para ser a seguinte.
A alghún témolo para facer peso e nada máis...
O de trincar é para mans espertas que levan 25 anos acarretando dornas, seique.
Podréns: clase debalde! Observade a imaxe!
Se algún día vos faltan cabos para amarrar a dorna no remolque e trincar ben o pau, usade o cabinho da escora...

- E ti querías ir a vela! Mira que calma podre!

Na Arousa as normas de tránsito son orientativas: para que queremos matrícula!
Os estragos do inverno víanse ben nas dornas que recollemos. Non é que estean perdidas, mais van dar bo traballo. 

Á Sapeira marchoulle a metade da pintura nova do trinque.
O sol baixaba e o traballo non tinha traza de acabar: daríanos tempo?
Coa Soínha embarcada pouco quedaba por facer....
...nada menos que o traballón: cargar a Laranha!
E aquí, outra clase debalde: a Laranha é buceta, non dorna. E iso, que parece unha parvada, fai difícil os seus traslados porque non ten escarva à que lle botar as mans para levantala, co que pesa, o raio da condanada!! Nova proba da perfección construtiva das dornas, que até agharradeira tenhen.


Ai, que marcha o sol!! Imos para a Hatchery!!
Na Hatchery tocaba cargar a planeadora, outra vaca no maínzo!
Acabamos de cargar xusto co sol caíndo no mar. Todo medido e calculado!
E puidemos gozar do pór do sol como premio à grande tarde de traballos
Cando acabamos de descargar e organizar no local novo, xa era noite.
Por iso non volo podemos ensinar: non se vía nada cando demos chegado a el. Na imaxe, Avilés levanta a man para dicirvos que manhá toca baleirar a nave de Vilaxoán (temos alá, cando menos, oito embarcacións). As que poidades, sábado 7 de decembro, às 15.45, na nave da Mariscadora



xoves, 5 de decembro de 2013

Tradución oficial...

Outra vez a carretar, mais desta con ghabáns!
 
...dos comentarios de Salva: 

QUEDADA para facer a mudanza:
  • CANDO? venres e sábado,  6 e 7 de decembro
  • HORA? 15.30 (horario de inverno, as persoas remolcadoras) 15.45 (o resto do persoal)
  • ONDE? no Bao. En Vilaxoán, menos as remolcadoras.
  • A QUEN AVISAR? a Salva, no ghuasá ou com sms.


A TRABALLAR!!

Temos casa!!

A nova sae hoxe no Faro de Vigo. Pincha aquí para a ler.
 
Como sabedes, andamos este outono buscando unha boa cova onde refuxiar as nosas embarcacións para hibernaren. E parecía que non faciamos nada, mais era xusto iso: parecía. 

Nestas últimas semanas estivemos submerxidas nun proceso negociador, sempre cruzando os dedos e pendentes de que chegase ese SI QUERO final que, ao final, chegou. Todo grazas ao Concello da Arousa, que se implicou no tema todo canto puido.

O caso é que había un baixo no Naval no que nos cabían todas as dornas. Claro que o baixo tinha amo. E ese amo (amónimo ímoslle chamar, porque non desexa ser publicitado) antes de nos ceder o espazo encargou un estudo de mercado a ArturinhoEAnderson, uma das grandes consultoras mundiais. A AEA enviou a um par de técnicos á Arousa, entrevistou a posíbeis clientes (igual vos fixeron un inquérito pola rúa; eses eran), e analisou o movemento de tráfico rodado no Paseo.

Conclusión: o local, para libraría, case mellor que non; para tenda de electrodomésticos, demasiado grande; para perrucaría, moi venteado (alá van as permanentes!); para hiper, moi esquinado; pero, oe, para gardar dornas, boísimo!!

E isto foi o que inclinou a balanza ao noso favor, puidemos descruzar os dedos, e aledarnos porque xa temos onde gardar os barquinhos.

Estade pendentes para o día da mudanza.


mércores, 27 de novembro de 2013

Cea fin de tempada: premios podrén

E si, aínda que pareza mentira, os chupitos non chegaran à mesa cando deu comezo a gala para a IV entrega dos Premios Podrén, instituidos inicialmente para dar posibilidades de ganhar algo a todas as que nunca quedamos primeiras nas regatas...

A condución da gala foi encargada este ano à moscona marinheira e à licántropa dorna (si, o que leva posto é un traxe de dorna, alguén dubida?!), claro é, na versión choferas en prácticas, é dicir, podréns!

As i-responsábeis dos premios: djSusana e croonerBea
Cunha nortada de papeluchos deu inicio a entrega de premios.
O primeiro entregado foi o PREMIO REINBOU GUORRIOR. Concedémosllo ao noso guerreiro do risco da vella, Santi, que bota todo o verán, enteirinho, berrando con todas nós para que non aparquemos os coches no Bao, sen conseguir que lle fagamos caso. Iso que ten toda a razón: Praia da Canteira, Espazo Natural!!

O Leguas tivo a ben facer entrega dos presentes a un premiado de discurso inspirador.
A ghorrilla que lle regalamos para que des-aparcase coches tivo un feliz fin de festa rodando por cabezas varias no Con do Moucho.

Lisa levou o PREMIO TERESHKOVA, por ser a primeira moza carcamá que navega con nós na escola e consigue acabar regatas. E demostra, novamente, que a xente da Arousa ten un cromosoma algures que lle fai aprender nun verán todo o que outras, de fóra, non damos sabido en anos. Envexa da cochina nos dá!

Embarcada na dorna de Bea e disposta a levar a súa bandeira por todos os mares.
O PREMIO SAGRADA FAMILIA ten relación con este vídeo que surfeaba ultimamente pola internete e foi concedido à patronaxe da Sapeira. Case tardan tanto como os herdeiros de Gaudi en acabar de preparar a dorna! En febreiro botáronlle o empanetado, en marzo pintárona, en abril desenharon o folio, en maio botáronlle alquitrén, en xunho recravaron a cadeira, en xullo arranxaron as cavernas de meo, en agosto mercaron o mosquetón para o punho de amura e, por fin!!, en setembro, sairon a navegar.

En outubro, cando xa podían ir ver paxaros, os paxaros emigraron.
Concedemos o PREMIO JULIO IGLESIAS a eses mozotes que comezaron a navegar con nós de nenos e aí continúan, resistindo e superando a adolescencia sen fuxir de nós. David Carallada non veu: o premio está a agardar por ti, xa sabes!

Entregou o premio o xubilado oficial: Calixto. Rubén estaba emocionado. Ben se lle ve!
O PREMIO NEGRA SOMBRA foi, como non, para o podrén que conseguiu xuntar 18 dornas, corenta tripulantas, que subíramos dous ríos a vela e que cantáramos o himno galego remos en alto. En realidade, tinhamos que terlle concedido o PREMIO CAMISETA MOLLADA, porque por facer todo iso regalounos unhas camisolas preciosas e de tallaxe perfectamente acaída a cada corpo.

Nunca pensou Anxo que levaría para A Matanza as auténticas pestanas de Rosalía.
Había um premio hai meses pedido e suplicado. As i-responsábeis dos premios tivemos a ben outorgalo e a que fallou foi a premiada. No seu nome, recolleu Salva o PREMIO MONIPENY.

NOELIAAAAAAA! este é para ti!!
O PREMIO CAPITÁN HADDOKC foi para o patrón que ten que andar sempre abordo do Rei do Mar, queira ou non queira, pois é o único que ten papeis para gobernalo. Ademais, deixou unha barba estupenda de almirante pirata e fainos unhas fotos ben aqueladas para o bló: Manolo Santomé! 

Entregou o premio outro barbudo recente: PACO
Outros premiados que nos fallaron foron os receptores do PREMIO YSINEMBARGOTEQUIERO, que quixemos adicar especialmente aos mecos que apesar de todo (de ser de fóra, de ser península, de ser inimigos navegantes, de perder os reptos a remos, de...) colaboran con nós e botan unha man cando fai falta. Ía entregarllo Belén e por non asistiren, agora non sabemos por onde anda (o premio, non Belén)...

Mentres a marinheira botaba a copla; Belén mostraba o corazón para Kin e Dani Otero.
O PREMIO PRINSESAS DO BAO foi para tres que sempre axudaron, porén nunca navegaron. Até agora, claro. Porque desde que temos galeón con solarium e unha pode navegar sen ter que botar man das drisas ou da cana, ai, as prinsesitas venhen!

Sole, Juana e Lidia lucindo os seus trofeus.
Para finalizar, optamos por declarar anual e institucional o PREMIO COSTA CONCORDIA. Cada ano temos que entregar algún premio deste tipo (que se o titanic, que se o vascair...) e xa non sabemos que mercar (manguitos, flotadores, achicadores...). Así que pedimos ao premiado do ano pasado que fixese entrega das bandas de MISTER e MISS CUPARRIBA deste ano, repartidas democraticamente entre as tripulacións da Javiota (naufragada na regata do Sepelo) e da Jalerna (caída en combate na Regata do Carme de Ribeira).

Ricardo, Cartarola, Rubén, Bea e Sendi aprendendo da marinheira podrén a ir sempre na planeadora do xuiz....
Como vedes, montamos estes premios para ganharmos os que nunca ganhamos nada e os Jalernos, competitivos eles, ademais de levar regatas, acaparan tamén Premios Podréns. Estes xa son os segundos!!

A cousa non acabou aí. O amo do local tivo a mal ofrecer unhas vasoiras às condutoras da gala para limpar os restos da festa... Ai, ninguén entende às artistas!!!

María xa non casa...
E isto foi todo. Para o ano, mais. Coidado co que facedes...

Cea fin de tempada: rosaliana

Atendendo ao noso chamado, no feisbu da sección bailonga da Asociación Cultural Dorna, a familia Parrumeira, pai e fillo, compartiron con nós unha chea de fotos da cea. Así podemos cronicar.

Como xa vos contamos, durante os cafeses e antes de entregar os premios podrén, o Presidente da Fundación Rosalía de Castro quixo ofrecer uns presentes à ENT Dorna en nome das rosalianas todas, e para iso escolleu unhas fotografías que entregou a tres integrantes da Escola como representantes de todas nós.

Javi recolleu a foto da dorna Rosalía que pasou o verán na Matanza.
Para Parada foi unha reprodución da imaxe que xa vos mostramos aquí.
E Salva recolleu a foto das dornas fondenadas no Malecón
mismamente, esta foto que nos enviou o Doutógrafo.

Todas as fotografías foron realizadas polo estupendo fotógrafo Eduardo Rivo.


luns, 25 de novembro de 2013

Cea de fin de tempada

Este sábado pasado fomos de churrascada, para celebrar que seguimos vivas e sen lesións graves despois dunha nova tempada de regatas e choques e quillarribas.
Xuntámonos no Con do Sol e enchemos dúas mesas entre persoas navegantas, patroas, amigas e simpatizantas.

E alá aonde imos, levamos o mar con nós
A seriedade durou menos do que os petiscos na man de Lino...
Aínda que algúns ghastasen o tempo de ghuasá en ghuasá
Iso sí, churrasco na mesa, telefones fora de cobertura...
Como os estómagos en seguida conseguiron calmarse, a base de carne e carne e carne, a festa botou a andar...

Os tres tenores comezaron a sacar copla tras copla...
...e acabaron por aparecer dos agochos todos os instrumentos.
Chegadas as sobremesas e os cafés tocou a parte institucional da cea. Por unha parte, o excelentísimo presidente da Fundación Rosalía fíxonos entrega duns estupendos presentes, por ter levado a navegación tradicional às portas mesmas da Casa da Matanza. 
Despois o excelentísimo presidente da Fundación Rosalia recibiu, dentro da gala dos IV Premios Podrén e entre outras premiadas, unha nova reliquia para incorporar aos fondos do Museo Rosaliano. 

Porén de todo isto aínda non temos imaxes (porque as blogueiras faciamos parte da gala e non podemos estar a todo), así que non podedes gozar deses emocionantes momentos. Só imaxinalos.

E a foliada continuou xa con todo o mundo en pé cantando e danzando.
Demos por acabada a festa a altas horas da madrugada. Agotás!

Lisaaaaa!, Parrumeiroooos!, pasádenos fotos, plis!


venres, 22 de novembro de 2013

24 horas...

... para a nosa cea anual de fin de tempada e, claro é, para unha nova edición dos...



Vinde list@s!!

xoves, 21 de novembro de 2013

Pasa para a ITV!!

O sábado pasado, como xa avisamos por aquí, o galeón saiu da Arousa para remolcar a Nova Marina até os locais da Aixola, para pasar unha boa ITV durante este inverno e voltar na primavera con folgos renovados e ansia de navegación.

A quedada foi ás 8.00 da manhá.
Ninguén no Cantinho... quen, un sábado a esas horas!!

Armando o foque mentres sae o sol...
Santi recolocando o amarre da xeiteira...
Pois ben, a viaxe bateu todos os recordes mundiais de velocidade nas categorías de galeóns remolcando xeiteiras e galeóns a secas....Iso que aínda estamos aprendendo a levar o galeóns e axustando todos os chismes que leva abordo...

Probando a colocarlle a vara de portar na maior....
Caminho de Ghidoiros coas velas vellas (as novas son para o verán).
Co sol xa subindo, o galeón chegou a facer os 8 nós de velocidade.
E como hai toxina... os luns ao sol!
A forza do vento facía complicadas as maniobras e as comunicacións. Menos mal que no Rei do Mar contamos con un tecnoloxizado sistema de walkie-talkies aínda sen homologar:

Ei, que imos a todo flispín! Arriade escota que comemos os salseiros todos!!
Que dis, que non che escoito?!
E, sen darnos de conta, xa pasabamos Tambo!
Aínda non eran as 12 e xa estabamos en Marín. Record mundial!!
Alá deixamos as xeiteira, a ver se volta ben fermosa e recravadinha. 
E claro, à volta, sen o lastro a velocidade foi máis alta, case ao nivel dunha planadoira. Iso si, a saída veuse atrasada debido a unha asemblea improvisada. Mais en canto a cousa está clara, cacho equipaso!!

Cada vez que hai máis de un patrón abordo, sométese a votación até como amarrar un cabo.
Parecen tal cual unha tripulación da Copa América, cada cal ao seu e todos a unha!
 E en moi pouquinho tempo, apesar de que na ría o vento sopraba en contra e houbo que arriar as velas, outra vez a casa! Aínda non eran as 16.00 da tarde. Velocidade total!

Para o ano, colonizamos Rúa, que nos queda aí a man...


As fotos todas son de Bea. E foi moi difícil, máis conseguir encontrar algunha imaxe con marinharía e barcos entre tanto retrato, primeiro plano, panorámicas e planos detalle de Nela, a licántropa. Porén, conseguimos facer a reportaxe sen ponhela unha soa vez :D