sábado, 11 de abril de 2015

Decapación 2

Despois da arroutada poetarra, imos ao serio: 

A axenda está repleta e andamos moi axustadas de tempo. 

Unha chea de chollos antes dos encontros... mimá!

Así que non quedou outra que organizarse.

A patroa organizando o seu grupo...
Mentres na Nova Marina, Larry dá traballo a Uxío...
A tarde de hoxe tinha patrocinio oficial.
Aínda que non sabemos se bosch venderá palancas para mover Revellos.

No Cantinho, o galeón recibía a súa parte.
Toda a cuberta a recibir brea...

O equipo exterior preparándose para embrear a popa...
Na buceta continuaban rabunha que rabunha...

...ou non (Bea sempre desenfocada)
A tarde avanzou e o traballo tamén.

O rascado da  Carme, listo!
A cuberta da xeiteira, lista!
As raias do galeón, listas!
O aspirado da Laranha, listo!
Até o branco da Nova Marina, dado!

A verdade é que os equipos funcionaron ben... pero aínda hai chollo. Despois quereredes que vos paseemos nos barquinhos... 

Pasade para o Naval!!



[de]capação

pensas que me danas.

rabunhas-me com a rasqueta
e não chegas nem ao mínio.

não só para navegar 
há que ter arte. 

a blogueira inspirou muita pintura :D

mércores, 1 de abril de 2015

albaola faktoria

A blogueira non vai estes días a rascar e pintar, que anda a rascar a barriga e pintar a mona no estranxeiro; mais non por iso esquece os seu labores blogueirís.
E onte, paseando por estas terrinhas de fóra, deu en mirar para a proa, como o pirata da canción, e viu dun lado Pasai Donibane, doutro Pasai San Pedro, e alá ao frente, o ghalpón de Albaola. 


E haberá que ir alá!
 Así que collemos o botinho que cruza a ría (riínha, que moi ghrande non é) e fomos visitar o museo vivo que Albaola creou nun vello estaleiro.

Deixamos atrás as casinhas de Donibane...
E caminhamos até a Albaola Faktoria:

O da uralita no fronte xa nos gostou...
Da madeira case sen desbastar gostamos moito máis...
Pero que tiveran a dorna Meca a recibirnos, ai, emocionounos!
De toda esa lenha seique queren facer un galeón: están tolos estes bascos!!

Xa dentro do museo, a guía explicounos en que consistía a visita: vermos en vivo e en directo como se contrúe un galeón baleeiro do século XVII, ou por aí.

No primeira parte da visita, accedimos a unha exposición sobre a construción de barcos, a caza das baleas e o achado do pecio do San Juan, un baleeiro afundido en TerraNova, recuperado nos últimos corenta anos e que ven sendo o modelo da réplica que están a construir (vamos, o mesmo que o proxecto da Nova Marina, pero à biscaínha).

Moitos paneis explicativos e palés por todas as partes :D
Navegando nun mar de tellas

Unha vez pasada esta sección, accedimos à nave de traballo, onde podiamos ver aos carpinteiros sacar pezas do barco das madeiras de carballo, daquelas que tinhan fóra.

Deste paucinho de faia pretendían sacar a quilla do barco. Abríuselle. Oooooh!
Non só constrúen galeóns, tamén réplicas de botes...
Moita xentinha a traballar.
A maqueta do pecio do San Juan e as pezas a tamanho natural.
E despois de atender às explicacións da guía na nave de traballo, a visita aínda seguía até o terceiro e último espazo, o máis impresionante: 

A Nova Marina non é nadinha acarón deste bichazo!
Todo o espazo está desenhado para podermos seguir a obra de construción...
Cacho estampa!! Tiveron que movela cun guindastre!
Cazar baleas parecendo balea. Arte da camuflaxe.
Van ter que acabar o barco fóra porque o ghalpón non vai dar a altura...
E así, impresionadas coa marabilla de Museo que tenhen montado en Pasaia, collemos de novo o bote e voltamos para Donibane...

E alá ao frente, o Cantábrico.



E xa está. A blogueira xa cumpriu coa crónica de Páscua.




sábado, 21 de marzo de 2015

rasca que rasca

Como venhen aí os XII Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galiza, en Cabo de Cruz, temos que ponher ghuapas as nosas embarcacións. Xa non se trata de repasar as fendas ou lavar o salitre, mais de facer toda unha operación de posta a punto e visita à costureira para dar que falar nos pantaláns da banda do mar. 
Ademais non podemos deixar de presumir de armada. Non imos deixar modelos no roupeiro tendo os días grandes para lucilos. 
Así que este ano a buceta Laranha non vai pasar o verán no Naval. Non non. Este ano lucirá a súa vela desrelingada polo Bao e no canal. Para iso a sinha Bea está a facerlle un decapado que nin a corporación dermoestética nos seus bos tempos, cando era unha empresa con futuro. 

Unha buceta miniada
Uns lixos no chan, resto de navegacións pasadas...

E como a Revolta non vai ser menos, Débora está a desfacer o traballo feito o inverno pasado para voltar a pintar, que disque non lle quedaron moi combinadas a cor da obra viva e a da estampa de popa.

Non hai case nada que facer na Revolta...
recravando? decapando? qui será será?

As fotos roubeillas nos feisbuques da Bea e da Débora, que eu estes días non dou feito...



martes, 10 de marzo de 2015

herr president; navigatore te salutam!

A imaxe é de Martina Miser, e ben bonita que lle quedou.
Ao herr direktor non lhe chegaba. Non acababa de estar contento co nivel de respecto que lle tiñamos a marinharía da escola de vela. Quería máis. E furou. Furou furou furou e agora xa non é nunca máis direktor...

Desde este sábado é o HERR PRESIDENT de todo: dornas a vela, xadrez, baile, música, baloncesto, fútbol gaélico... TODO!! E di que temos que sair dos sofás, co que nos gustan...

Hoxe entrevistárono no xornal La Voz de Galicia. E respectáronlle a lingua (miragre!). Podedes lelo aquí.

Ave Salva, navigatore te salutam!! 


xoves, 5 de marzo de 2015

Horario Primaveril

Como chegou Lourenzo, lembramos que a partir de manhá, traballaremos no Naval... 

Xa sabedes: 
  • venres, desde as 17.00 horas.
  • sábados, desde as 16.00 horas.
Outra vez a rascar e a pintar... e parece que foi onte!

Esta semana a blogueira non pode ir, que ten un asunto, mais se lle enviades fotitos, ela deseguida volas loce por aquí...

domingo, 1 de marzo de 2015

Reiniciamos!

Onte, sábado 28 de febreiro, tivemos a xuntanza inicial de tempada, porque xa sabedes: se nos organizamos, navegamos todas...

Como cada ano hai cousas que nunca cambian e cousas nas que sempre hai novedá: 
 
Uxío aos contos, como sempre, e cadelo novo, como nunca....
A primeira conclusión à que chegamos é que temos que ter organizadas gardas de invernía para vixiar o Naval. Ladróns non entraron, pero se nos descoidamos vanos invadir indesexábeis intrusos...

Que fai ese plástico enriba da Montanhesa?!:  Poliester go home!!!
Así que fomos chegando e acomodándonos, comezou a reunión. Primeiro: Estado de contas. 
Non imos contar aquí polo miúdo, que Facenda anda por todas as partes e se alguén quere saber pormenores, que vinhera...
Iso si, unha cousa quedou clara: para que a ENT Dorna sexa totalmente autosuficiente é necesário beberdes (e pagardes) máis cervexas no Bao. 

O segundo punto foi o agardado por todas:  reparto de embarcacións e de velas. 
 
Expectación total agardando polas sortes do dire...
Esta tempada hai dúas velas novas, do trinque, tecidas en polimero de cristais líquidos com lámina de polyester, é dicir, boisísimas. Desas coas que fas o cambio nun plis-plás e escoitando só um fru-frú. Catro dornas quixeron entrar no sorteo:  A Forza R, a Laverca, a Caramecha e a Bandalha. Realizada rifa, con man inocente de por medio, levaron as velas a Caramecha e a Bandalha, que asinaron o protocolo apalabrado polo que se comprometen a ganhar todas as regatas da tempada

A imaxe é mui mala, mais é proba de que non houbo tongo, por se algunha laverca rosma por aquí...
Superado o punto culminante da xuntanza, fixemos repaso dos eventos xa marcados no calendario:
  • 17 de maio: inauguración de tempada.
  • 27 de xunho: Volta à Arousa
  • 9 ao 12 de xullo: Encontros de Embarcacións Tradicionais no Cabo de Cruz. 
  • 18 de xullo: Regata do Bao (pendente de confirmar). 

Quedamos para comezar a traballar no horario do ano pasado: 

Venres a partir das 17.00 horas e sábados a partir das 16.00. 

Venha, que xa está aí o 17!!