mércores, 27 de novembro de 2013

Cea fin de tempada: premios podrén

E si, aínda que pareza mentira, os chupitos non chegaran à mesa cando deu comezo a gala para a IV entrega dos Premios Podrén, instituidos inicialmente para dar posibilidades de ganhar algo a todas as que nunca quedamos primeiras nas regatas...

A condución da gala foi encargada este ano à moscona marinheira e à licántropa dorna (si, o que leva posto é un traxe de dorna, alguén dubida?!), claro é, na versión choferas en prácticas, é dicir, podréns!

As i-responsábeis dos premios: djSusana e croonerBea
Cunha nortada de papeluchos deu inicio a entrega de premios.
O primeiro entregado foi o PREMIO REINBOU GUORRIOR. Concedémosllo ao noso guerreiro do risco da vella, Santi, que bota todo o verán, enteirinho, berrando con todas nós para que non aparquemos os coches no Bao, sen conseguir que lle fagamos caso. Iso que ten toda a razón: Praia da Canteira, Espazo Natural!!

O Leguas tivo a ben facer entrega dos presentes a un premiado de discurso inspirador.
A ghorrilla que lle regalamos para que des-aparcase coches tivo un feliz fin de festa rodando por cabezas varias no Con do Moucho.

Lisa levou o PREMIO TERESHKOVA, por ser a primeira moza carcamá que navega con nós na escola e consigue acabar regatas. E demostra, novamente, que a xente da Arousa ten un cromosoma algures que lle fai aprender nun verán todo o que outras, de fóra, non damos sabido en anos. Envexa da cochina nos dá!

Embarcada na dorna de Bea e disposta a levar a súa bandeira por todos os mares.
O PREMIO SAGRADA FAMILIA ten relación con este vídeo que surfeaba ultimamente pola internete e foi concedido à patronaxe da Sapeira. Case tardan tanto como os herdeiros de Gaudi en acabar de preparar a dorna! En febreiro botáronlle o empanetado, en marzo pintárona, en abril desenharon o folio, en maio botáronlle alquitrén, en xunho recravaron a cadeira, en xullo arranxaron as cavernas de meo, en agosto mercaron o mosquetón para o punho de amura e, por fin!!, en setembro, sairon a navegar.

En outubro, cando xa podían ir ver paxaros, os paxaros emigraron.
Concedemos o PREMIO JULIO IGLESIAS a eses mozotes que comezaron a navegar con nós de nenos e aí continúan, resistindo e superando a adolescencia sen fuxir de nós. David Carallada non veu: o premio está a agardar por ti, xa sabes!

Entregou o premio o xubilado oficial: Calixto. Rubén estaba emocionado. Ben se lle ve!
O PREMIO NEGRA SOMBRA foi, como non, para o podrén que conseguiu xuntar 18 dornas, corenta tripulantas, que subíramos dous ríos a vela e que cantáramos o himno galego remos en alto. En realidade, tinhamos que terlle concedido o PREMIO CAMISETA MOLLADA, porque por facer todo iso regalounos unhas camisolas preciosas e de tallaxe perfectamente acaída a cada corpo.

Nunca pensou Anxo que levaría para A Matanza as auténticas pestanas de Rosalía.
Había um premio hai meses pedido e suplicado. As i-responsábeis dos premios tivemos a ben outorgalo e a que fallou foi a premiada. No seu nome, recolleu Salva o PREMIO MONIPENY.

NOELIAAAAAAA! este é para ti!!
O PREMIO CAPITÁN HADDOKC foi para o patrón que ten que andar sempre abordo do Rei do Mar, queira ou non queira, pois é o único que ten papeis para gobernalo. Ademais, deixou unha barba estupenda de almirante pirata e fainos unhas fotos ben aqueladas para o bló: Manolo Santomé! 

Entregou o premio outro barbudo recente: PACO
Outros premiados que nos fallaron foron os receptores do PREMIO YSINEMBARGOTEQUIERO, que quixemos adicar especialmente aos mecos que apesar de todo (de ser de fóra, de ser península, de ser inimigos navegantes, de perder os reptos a remos, de...) colaboran con nós e botan unha man cando fai falta. Ía entregarllo Belén e por non asistiren, agora non sabemos por onde anda (o premio, non Belén)...

Mentres a marinheira botaba a copla; Belén mostraba o corazón para Kin e Dani Otero.
O PREMIO PRINSESAS DO BAO foi para tres que sempre axudaron, porén nunca navegaron. Até agora, claro. Porque desde que temos galeón con solarium e unha pode navegar sen ter que botar man das drisas ou da cana, ai, as prinsesitas venhen!

Sole, Juana e Lidia lucindo os seus trofeus.
Para finalizar, optamos por declarar anual e institucional o PREMIO COSTA CONCORDIA. Cada ano temos que entregar algún premio deste tipo (que se o titanic, que se o vascair...) e xa non sabemos que mercar (manguitos, flotadores, achicadores...). Así que pedimos ao premiado do ano pasado que fixese entrega das bandas de MISTER e MISS CUPARRIBA deste ano, repartidas democraticamente entre as tripulacións da Javiota (naufragada na regata do Sepelo) e da Jalerna (caída en combate na Regata do Carme de Ribeira).

Ricardo, Cartarola, Rubén, Bea e Sendi aprendendo da marinheira podrén a ir sempre na planeadora do xuiz....
Como vedes, montamos estes premios para ganharmos os que nunca ganhamos nada e os Jalernos, competitivos eles, ademais de levar regatas, acaparan tamén Premios Podréns. Estes xa son os segundos!!

A cousa non acabou aí. O amo do local tivo a mal ofrecer unhas vasoiras às condutoras da gala para limpar os restos da festa... Ai, ninguén entende às artistas!!!

María xa non casa...
E isto foi todo. Para o ano, mais. Coidado co que facedes...

3 comentarios:

  1. outra ves coma todolos anos, as nosas artistas,animadoras, blogheiras e rompecabesas de dorna nos sorprenderon cos seus xa famosos premios podrens,non sei que poñer aqui para agradeserse o seu traballaso ,non cambiar nunca..grasias por animarnos a sena de balde ..Salva

    ResponderEliminar
  2. debalde nada, ricura, amanhá passamos-lhe à Directiva as facturas de gastos... ;)

    ResponderEliminar
  3. e ollo que temos máis caché cá panorama.....

    ResponderEliminar

a falar a xente se entende