Amosando publicacións coa etiqueta Presioso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Presioso. Amosar todas as publicacións

xoves, 31 de marzo de 2016

Presidenta!




Fala Uxío, e fala por todas nós, que mandamos un carinho à familia: 
 
Que hoxe non remate o día sen dedicar unhas palabras para quen foi a presidenta da ACD Dorna desde o ano 2000 ata polo menos o 2007. 
Con ela como presidenta naceu a Escola de Navegación Tradicional. Grazas ao seu empeño e dedicación ata aquí chegamos. 
Representante máxima de música e baile tradicional da ACD Dorna, falece unha persona significativa para Dorna. 
O meu agradecemento personal para Pilar Muñiz, "A Tosca".



[a imaxe é de Thais Núñez, que seguro non se incomoda porque lla tenhamos roubado]

 

sábado, 13 de setembro de 2014

Navegando en "antigos" barcos...

Como na TVG nunca deberon ver un  currach, pois pensan que as nosas son embarcacións antigas, e claro, antigas antigas non son, que son tradicionais (hai que deixalo claro, non vaia alguén pensar que as desenterramos do Areoso). Imos perdoarllo por sacar uns estupendos primeiros planos dos Mimelos, Lino e Salva. 

E a petición da afisión, aquí vos deixamos o vídeo por se non o vístedes aínda.




venres, 12 de setembro de 2014

O Areoso agarda por nós 2

E para mostra, un vídeo, gravado polos Pandulleiros:


Marabilla!!


O Areoso agarda por nós.

Onte chegamos ao Bao e eramos moita xente...

Primeiro unhas poucas...
...e despois máis e máis...
Na mallante, as dornas, o Rei do Mar, lanchas confrareiras e planeadoras de apoio. E toda a xente convocada polos Pandulleiros.

Agardando a hora cero para embarcar.
Como as da ENT Dorna xogabamos na casa, decidimos ir repartindo tripulacións en dornas e embarcacións grandes mentres agardabamos a chegada dos barcos das outras asociacións...

O Presioso dos Calmoseiros chegou a motor.
Mentres armabamos a Peça, chegaba o Komaira a vela.
E a Lavanqueira da Fasquía coa súa vela nova...
A orde: velas arriba cando mande o Rei do Mar. Ao final partimos tres galeóns, dúas dornas de tope, unha lancha xeiteira e sete dornas. Armada carcamá!!

E saimos!!
Grandes e pequenas!
A Nova Marina coméndolle as papas à Peça de Rabo.
E a Roxinha comédollas à xeiteira...
 O tempo de agarda deu para moito.

- Nenas, se nos orghanisamos, tomamos o Komaira antes de cheghar ao Areoso.

E todas rumbo ao Areoso!!

Como dicía Débora, o mar estaba presioso. Daba ghusto ver tantas velas tradicionais, TODAS da Arousa, brillando na costa. A tarde axudaba, pois en contra das predicións metereolóxicas destes días, había un ventinho agradábel e lucía o sol...

Pasando polo Cantinho, caminho do Campelo
Cousa bonita!
No Rei do Mar a tranquilidade daba para gozar das vistas... [CG]
..e do vento que ía a menos, a menos, a menos [CG].

Pasando o Campelo por terra a maioría...
...por fóra o Komaira.
Chegadas a Punta Cabalo, a calma. Saimos cara o canal para facer un último bordo antes de pór proa ao Areoso. Non houbo maneira, quedamos aboiadas entre bateas a mercé dun mar de fondo mareante...

Que presioso se vía o Presioso!
O de aboiadas era literal [CG].
Facíase imposíbel chegar ao Areoso a vela. Só darían arribado as embarcacións con motor. A decisión: voltar à praia da Canteira, remolcadas as dornas polos galeóns. O Rei do Mar veu darnos cabo à xeiteira.

Esas nubes na calma, de algo avisaban...
Collendo remolque e imaxes [CG].
Remolque feito (e esas nubes...)
Ao Adelino Manuel aínda lle funcionaba o motor...
E aquí acabaron as fotos!!

Chegadas ao Campelo de volta, o vento voltou aparecer. O Rei do Mar arriounos, armamos vela novamente... E a sufrir. 

De súbito entraron mar e vento a caldeiros. Na Nova Marina, sorteamos bateas como puidemos, e no seguinte cambio cosemos dous rises. Feita a operación, e unha vez que subimos vela, arrepentímonos de noter cosido os catro. Por que non faríamos caso daquelas nubes!!

Enfin, a volta ao Bao foi dura para todas as dornas. O Rei do Mar e as planeadoras de apoio tiveron que recoller embarcacións e traelas de remolque. O Komaira houbo de axudar ao Presioso, que quedou sen bomba de achique, para despois quedar sen motor tamén. Como iso pasou às portas do Cantinho, alí quedaron xa. O resto fomos chegando como puidemos. É dicir, remolcadas.

A Nova Marina salvada por Uxío.
A Peça de Rabo tamén salvada por Uxío.
E todas de volta para a casinha!!
Como podedes comprobar, non demos chegado ao Areoso, mais seguimos a defender a súa protección igualmente. Ademais, se leva aí máis de dous mil anos, ben pode agardar por nós un par de semanas!

Xa virán días sen tronada! [CG]


As fotos marcadas con CG son de Cleopatra a Gata, evidentemente.

luns, 4 de agosto de 2014

Regata Kalmoseira: o que pasou

Onte participamos, como xa vos contamos, na Regata Kalmoseira que organizaban a medias as asociacións Calmoseira e Komaira, da Arousa. 
A manhá ameazou con chuvia, e cumpriu. É dicir, choveu. E clareou. E choveu. E clareou. Así seghido. En canto ponhías a roupa de augas, tinhas que mudala polo chapeu e as gafas de sol. Auténtico verán galego. O caso é que alá foi media flota da ENT Dorna en plan adestramentos oficiais para a XXX Volta à Arousa.

A regata consistiu na realización de dúas voltas no triángulo do Cantinho: Cantinho - Faro do Seixo - Seixo de Fóra. A saída foi entre os dous novos galeóns: o Komaira e o Presioso, e como organizaban a medias, tamén deron o pitido inicial a medias. 

Caminho do Seixo, entre galeóns (imaxe do Con do Moucho)
Como algunhas iamos alá, entre as primeiras, pouco vos podemos contar...

A saída desde o Chufre, entre bateeiros
Algúns, como os Bettty Boop, levábano con calma.
Igual que a Forza R...
A Roxinha andaba máis atenta às fotos que às boias...
 E os Jalernos, primeiros case desde o comezo, facían real esa frase tópica que lamenta a soidade que dá o poder...

E non se aburrirán, así de soínhos toda a manhá?
Como vístedes, para chegar ao Seixo tinhamos que navegar de empopada, facendo un cambio no Faro para ir de través até a boia de fóra.

A Mimela e a Lara Doce competindo polo posto.
Como a Maristela e a Roxinha
Ou a Ortelinda e a Caramecha
A Bazarra, calmosa, non competía con ninguén.
E mellor, que no mar todas nos axudamos, mais nas regatas desaparecen as amizades, como a de Bea e Calixto...
Onte navego contigo, hoxe peléxoche a posición...
Pasado o Faro, ir fora buscando o melhor punto para iniciar a bolina, onde realmente se ganhan e perden os postos...

A Bandalha perseguindo ao grupo das primeiras.
Todas para fóra!!
As cousas non mudaron nos postos de cabeza... só que algunhas fomos perdendo postos, así como os mimelos os foron ganhando. Cachis!!


Os mimelos entraron tercerios no Cantinho!
E na Rosalía aprendemos e demostramos como se perde un posto na linha de meta...

A proba de que non nos daba para entrar por culpa da punta dun molle...
Pero a verdade é que o mellor espectáculo da Regata estivo xusto nesta chegada, axustada, desventada, que obrigou a varias de nós a facer mil cambios se quixemos entrar e que a Laverca amenizou como só ela e os Jalernos saben:

Gemma Mengual is back!!
...para alegría e goce do numeroso público:

E non podería cair no medio do canal?, pensaba Bea.
Pois aínda que vos pareza incríbel, si houbo algo que fixo esquecer a competición por molladuras regateiras e esa colocación da Bea en cabeza da clasificación: 

O impresionante xantar que nos serviu a organización. Chapeau!!
Finalmente, houbo entrega de premios: 

3º Posto: Mimela

Que contentinhos están os patronsinhos!
2º Posto: Xarandeira

Moito perigo correron eses mouchos na man do Santi pequeno...
E 1º Posto e ganhadora por paliza: Jalerna

A Cartarola e Ricardo sempre se lles aparece esa senhora polo medio...

E xa sabedes, o sábado que vén: XXX Volta à Arousa!!!


As fotos son de Lisa, que renunciou a regatear por fotografiar...

venres, 1 de agosto de 2014

Regata da Kalmoseira

E manhá toca regatear outra vez... e como toca regata, dan chuvias!

Vémonos na Arousa, no trofeo organizado pola Asociación Calmoseira, vecinha nosa de toda a vida, que ademais quere aproveitar para facer a botadura oficial dos galeón Presioso e o Komaira, dos tamén vecinhos de toda a vida da Asociación Komaira

E se chove, deixade chover!