xoves, 31 de outubro de 2013

Unha axudinha, polas almas das dornas que van alá!

Manhá é dia de defuntos e já volo damos libre, para que limpedes os panteóns, arranxedes crisantemos e hortensias e deixedes as lápidas niqueladas, que diría o Bichero.


Mais o sábado 2 de Novembro pasade tod@s para a Arousa, único lugar das aforas do continente onde non hai nin Jaloguín nin Samaín senón Día de Pedir. Pola manhá levade o voso saquinho polas portas, a ver se alguém vos ve cara de meninh@s trastes, e vos dan algunha gholichada "polas almas dos defuntinhos que van alá".

Pero às 16.30, fora limosnas e todas para o Bao, que boa falta fai unha axudinha, polas almas das dornas que van alá. Temos que arranxar cousas no Bao, en Testos e na Hatchery, e nesa hora comezaremos a organizar-nos.

Terrorífica vai ser a tarde!!


venres, 25 de outubro de 2013

A traballar!

Que andan os barcos uns por cima doutros e iso non pode ser!

Que di o dire que así non podemos seguir! 

Que temos o galpón dos barcos sen arrombar e as velas e os remos e os paus e os temóns, e as drisas e todo sen gardar ben gardados. 

Así que di que temos que quedar manhá, sábado 26 de outubro, apartir das 16.00, na praia da Canteira, para trasladar material e colocalo ben colocadinho no galpón de Testos. 

Pasade para o Bao!

domingo, 13 de outubro de 2013

Primeiros apoios mediáticos

Perante a problemática que a ENT Dorna ten este inverno e despois de ser publicitada tanto na prensa seria como neste blogue, comezan a chegar os primeiros apoios de persoas ricas e famosas. 

Ese é o caso de Piolín, o pequeno canario amarelo de cabeza gorda e patas desproporcionadamente grandes, que sensíbel ao tema da falta de acubillo para se protexer dos gatos, non ten problema e enviarnos o seu mais sincero tweety de ánimo desde as redes sociais.

O Piolín durante a súa visita solidaria ao Bao, acompanhado de Lidia.

Aves sen refuxio

Hoxe o xornal Faro de Vigo publica unha reportaxe sobre a situación á que se ve submetido o noso patrimonio este inverno que temos às portas. Ben contado e, raro, nos xornais, en galego, outro dos nosos patrimonios en perigo.




Tamén La Voz de Galicia ten a sección da Arousa protagonizada polas nosas dornas. Lede aquí: Condenadas a pudrirse.



Traballando!

Onte xuntámonos no Bao unhas vinte persoas para comezar cos traballos de acomodación das dornas onde ben poidamos.

Como os de tráfico andaban cos de verde de vinito espanhol, aproveitamos para utilizar todos os remolques habidos e por haber, con luces e sen elas, con cabos amarradores ou sen eles, con lonas ou sen elas, para limpar un dos galpóns que ultilizaremos este inverno, e trasladar cacharrada dun lado para outro. 

Hoxe non nos veredes o pelo, porque quedamos ghorad@s e che@s de maniotas.

Cargando os remolques de caixas e caixas e caixas e caixas...



venres, 11 de outubro de 2013

Deixade todo ben recollido!!

Hoxe xuntámonos no Bao para vermos que nos deparaba o futuro. Outra cousa non, pero traballo, de sobra (ben podían escollernos a nós para resolver o tema este da crise!).

Salva explicounos as posibilidades con que contamos para a invernada deste ano. Ao final, é probábel que non saiamos da Arousa. Entre a Comunidade de Montes, a Fundación Deportiva Municipal e a Hatchery, igual damos gardado boa parte das dornas, e mesmo contar cun espazo na Arousa onde traballar no mantemento de embarcacións durante o inverno. 

Explicando ben explicadinho cantas dornas imos gardar...

Porén, o primeiro é recoller. Manhá temos que facer unha limpeza xeral e trasladar cacharradas varias. Por iso hai QUEDADA, á que estades todas convocadas, às 16.00 horas na casota do Bao, para organizar as tarefas da tarde. Cantas máis persoas vaiamos, antes acabamos. 

Era ben que se ides ir, porén despois das 16.00, avisedes a Salva para que conte con vós.

E como na xuntanza parecía que xa había ansia por ponhernos a andar, aproveitamos para ir ao Cabodeiro, onde temos atracado o galeón, para recoller as velas novas, e todo o material de abordo...

Collendo forzas para botarlle a man à maior

Parada desamarrando o foque para admiración dos toristas do Cabodeiro.

Amarrando uns cabinhos e desamarrando outros.

Por veces, o traballo máis necesario é o descanso...


xoves, 10 de outubro de 2013

O outro desafío do domingo

A que non te atreves a levar a buceta??!!

Esse foi o desafío que lle botou Bea a David mentres preparabamos no Bao a viaxe ao Grove (enganchar remolques e comprobar que funcionaban as luces, basicamente).

En realidade, o pobre de David tivera a feliz idea de aproveitar a tardinha agradábel de sol para pasear a toda a familia na Raposa, a dorna que arranxou este inverno. Mais a Raposa estaba fondeada, e xa comezou a Beatriche, en plan mestra, a gobernarlle a vida. 

E soltou iso de, por que non levas a Laranha?. E alá comeza a dar explicacións: que se amuras así, que se enverghas asá, que se colocas o pau desta maneira, que se podes navegar à mala (co vento que había a ver como navegaban à boa...), e patatín e patatán. E o David, que é un cacho de pan: fíxolle caso!!!

Bea dando explicacións, David atendendo e a Ona pasando de todo.

Mentres a Bea vixía ao David, a Ona volta a pasar de todo e nada contra corrente.
Quen non ten cabeza, ten remos: as drisas quedaran en terra!
E por fin, cun empurroncinho de mamá, a Laranha navegou!
O caso é que ter aínda as embarcacións no Bao fai que em pleno mes de outubro, se algún día ven bo, poidamos sair a dar unha voltinha até o Faro do Seixo, até o Cabodeiro, até as Sinas ou até O Grove para ver unha regata a remos. 

Todo ten a súa cara positiva!


martes, 8 de outubro de 2013

Grande Concurso de Ideas

Hoxe andaron polo noso local da Praia da Canteira representantes do Concello e da Deputación. Salva exerceu de anfitrión e ensinoulles o estado das nosas instalacións. E chegou o compromiso local e provincial de que no 2015 ighual hai (haberá que velo) novo edificio de usos náuticos.

Porén, estamos no 2013... e chega o inverno...

Así que o patrón maior da escola, Salvatore, ven de convocar un grande concurso de ideas, non para desenhar a casa nova (iso deixámolo para as arquitectas), mais para saber que facemos coas dornas...

  • Queres botar un fillo da casa e non sabes como? Dille que che fai falta o cuarto para gardar unha dorna.
  • Non sabes que facer co alboio do churrasco agora que tes alto o colesterol? Aprovéitao para gardar unha dorna (ou dúas).
  • Tes un laranxeiro na horta que sofre coas xiadas? Ponlle unha dorna enriba!
  • A túa sogra ten un local enorme e non lle apetece nada facerse rica alugándollo aos do Gadis? Énchello de dornas!

Temos que pensar maneiras de organizar a invernada das nosas embarcacións. A data final do concurso será o próximo venres, 11 de outubro, ás 17.00 horas. Daquela xuntarémonos no Bao para escoller a mellor idea e botala a andar. 

Hala, a darlle ao caletre!!

E que os temporais do inverno nos pillen preparadas...

luns, 7 de outubro de 2013

Desafío Arousa: a crónica

O importante para ganhar unha regata a remos é ter todo milimetricamente calculado antes do comezo:

Nunca vos ponhades a trincar remos tres minutos antes...

...nin carguedes as dornas até con risón... que non é regata a vela!
A regata consistiu en tres largos entre a ponte da Toxa e o peirao do porto. En cada largo, un relevo. Tres equipos: os desafiadores (Grove), os ganhadores pasados (Arousa) e un novo desafío (Portonovo). Tres dornas por equipo.

Ao que chegamos tarde as da Arousa foi à saída: agardando por nós.

A saída! Ao fondo, onde os illates, agarda o relevo.
Na primeira posta, Carlos e Javi, na Rosalía, sacaron avantaxe às perseguidoras.

O momento do primeiro relevo: a Jalerna de Cartarola e Braulio arrinca primeira.
As dúas mosquinhas que vedes ao fondo, son as dornas meca e carcamá en pleno duelo.

Na saída da segunda posta, aínda había avantaxe carcamá.
 Mais, repetindo o desenvolvemento da Regata do ano pasado, para darlle un pouco de emoción ao asunto, e tal como pactara o equipo, os jalernos baixaron o ritmo de boghada para que outra dorna chegase antes ao cambio...

...e no último relevo, adiantáronse os mecos (os de Portonovo aí os andan, fóra de plano)
 Así que comezou o último largo coa mesma orde que na primeira edición: avantaxe meca para conquistar o trofeu...
Parada e Luis deron o sorpasso e zás!, pasáron coa Mimela por diante de todas.

Para acabar ganhando con dúas ou tres dornas de distancia. Viva!
Que cousa emocionante foi velo desde o paseo do Grove!

E mentres unhas dornas chegaban à praia...

As campioas chegaban ao peirán, onde centos de siareiras agardabamos para vitorealas.

O director non estaba moi orgulloso... (desculpádeo, leva mal as victorias).
E outros descubriron o fenómeno fan...
Como sempre, a tarde acabou con premios, risos e petiscos, como sempre que imos ao Grove.
E este foi o podium final: Arousa, Grove e Portonovo a manter a tradición!

A ver se para o ano hai algunha mulher entre as camisoladas!


As fotos son desta blogueira, algunhas, da Lisa que quedou no posto 12 na regata a vela, outras e da Asociación A Torre de Cambados, algunha outra.


Desafío Arousa: outra vez!!

Os mecos botaron a andar (boghar) o ano pasado una nova proba que recollía a tradición xa case perdida das Regatas a Remos. Lanzaron un desafío à Arousa e nós, que sempre caemos na cilada dese "A que non hai:..?" pois caemos. 

E o trofeu do primeiro Desafío veu para a Arousa en depósito até este ano. Que tocaba defendelo.
Esta dorna de bronce tivemos que custodiar
E comezamos a preparar a edición deste ano. Meses de adestramento, de creación de bolsas ADO de estudos exclusivos, análises nos túneles de vento dos da CopaAmérica das diferentes técnicas de boghada, deron como resultado...

Que quedaron campións!!

Na seguinte entrada, trucos e fotos.

O fin de semana dos Parada

Esta foi a semana dos Parada, non porque non fixésemos nada, ao contrario, que a falta dunha regata tivemos dúas, senón porque foi esa familia, a Parada meca e a Parada carcamá, a que protagonizou as vida navegadora no Grove. Xa sabedes, mecos e arousáns, primos-irmáns.

A Fuxe dos Parada do Grove, ganhou a Regata do Marisco, celebrada o sábado. Nela quedou segundo o noso Parada, o da Arousa, coa súa ForzaR.

E este mesmo Parada, o home des-comunicado que nunca nos mira na internet, tivo un papel fundamental na vitoria carcamá no Desafío a Remos de onte. Participando na última posta, entre el e Luis deron a volta ao podium para colocar a Mimela de primeira clasificada, e con ela ao seu equipo.

Pois iso, Parada, a ver cando tes outro fin de semana como este!!

PD: cambiamos a foto do prota por esta do Doutógrafo, que nos pareceu bem mais bonita que a nosa.

mércores, 2 de outubro de 2013

Atención! Xuntanza!


Manhá, xoves 3 de outubro, às 17.00 da tarde, haberá unha xuntanza no Bao para tratar dous grandes asuntos, esencialmente:

1. Como argallamos as tripulacións do fin de semana

 
 Se nos organizamos, boghamos todas!

2. Como argallamos a invernada das embarcacións


Se nos organizamos, gardámolas todas!

Se queredes/podedes ir ao Grove, deberíades asistir. Se queredes participar sobre as decisións respecto a este inverno, deberíades vir. En fin, que deberiamos estar tod@s.

Avisade às persoas que non navegan na rede, plis!